
Conta atrás para a Festa das Covas de Vilamartín, unha multitudinaria celebración que converte estas antigas adegas subterráneas en escenario dunha convivencia na que se exalta o viño e a gastronomía nun ambiente único. A cita, que cumpre a súa 27ª edición, será mañá sábado 2 de agosto a partir das 20:30h.
Con todo, o limiar da Festa será, un ano máis “A Pequena”, unha celebración pensada para o desfrute dos coveiros que ao día seguinte abrirán as súas adegas ao público. Será na tardiña deste 1 de agosto e a festa, que acostuma desenvolverse no barrio de Cerdeirais, incluirá tamén o acto do pregón ás 20:30 horas.
Nesta ocasión e, por primeira vez, dúas serán as pregoeiras da festa: a arquitecta técnica e artista Carina Rodríguez e a produtora e creadora de contidos audiovisuais Cristina de la Torre. Ambas son ruesas e, cada unha no seu eido, está a traballar nun proxecto de posta en valor das covas valdeorresas, facendo un inventario completo das existentes para a súa futura publicación.
No caso das de Vilamartín está a traballar de forma conxunta coa asociación de coveiros, un dos motivos que a pudo levar a escollelas como pregoeiras desta edición.
Despois do acto do pregón, normalmente faise unha homenaxe aos coveiros coa posterior apertura das covas, nun ambiente marcado pola música.