
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, manifestou hoxe o seu máis sincero recoñecemento á “extraordinaria traxectoria” de Alfredo García Rodríguez, quen despois de 26 anos no cargo anunciou a súa decisión de deixar a alcaldía do Barco de Valdeorras. Vila destacou que García “representa un exemplo de compromiso coa veciñanza e de dedicación incansable ao servizo público na comarca de Valdeorras”.
“Alfredo García é un referente para todo o socialismo ourensán e galego, un home que soubo combinar a proximidade coa xente co traballo rigoroso e a visión de futuro”, afirmou Vila na súa valoración. O líder provincial do PSdeGPSOE subliñou que García “durante máis dun cuarto de século foi o artífice dunha transformación profunda do Barco de Valdeorras, consolidando a vila como un centro neurálxico da comarca oriental da provincia e un modelo de xestión socialista comprometida co progreso e o benestar da cidadanía”.
O secretario provincial, quen tamén é voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, non quixo pasar por alto “o compromiso permanente” de García coa defensa dos intereses de Valdeorras na corporación provincial e nas diferentes institucións galegas e estatais das que formou parte como. O líder socialista destacou que García sempre demostrou “unha capacidade extraordinaria para tender pontes, buscar consensos e traballar pensando no ben común, valores que sempre representaron o mellor do socialismo democrático”. Para Vila, a traxectoria do alcalde valdeorrés “deixa un legado sólido e unha base firme sobre a que continuar construíndo o futuro da vila, demostrando que é posible facer política desde a honestidade, a transparencia e o compromiso coa xente”.
Vila amosou a súa plena confianza en que o compañeiro ou compañeira que asuma o relevo continuará a liña de García e contará co apoio incondicional de todo o partido. Neste senso, o secretario provincial garantiu que o PSdeG-PSOE manterá o seu “compromiso absoluto” co Barco de Valdeorras e a súa comarca”.
Agradecemento da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE do Barco de Valdeorras
Dende a Agrupación Municipal do Barco de Valdeorras emitiron un comunicado a modo de homenaxe, no que tamén louban o labor de Alfredo agradecendo o seu traballo na transformación do Socialismo en Valdeorras. “Grazas por mudar a forma de gobernar O Barco, por ser un alcalde accesible a todos os veciños e veciñas, por escoitar e por demostrar que era posible a autoridade, desde o servizo á cidadanía. Grazas por levar sempre o despacho do alcalde contigo, a Fervenza, a Soulecín, a Vilanova, a Tremiñá, a Viloira, a Calabagueiros… a todos os barrios e núcleos rurais. Facer preguntas aos veciños e veciñas, achegarse aos problemas reais dos e das barquenses, escoitalos como nunca os escoitara un alcalde e chegar de volta a casa coa libreta chea de problemas a solucionar. Nunca os e as barquenses se sentiron tan atendidos nas súas peticións. Grazas pola valentía de levar a cabo proxectos que parecían imposibles pero que transformaron o Barco. Pola túa determinación de que o Barco progresara”, aseguran, ofrecéndolle ” a máis agarimosa aperta dos e das socialistas do Barco, desfruta da xubilación e lembra que seguiremos contando contigo”.