
Unións Agrarias alerta dunha “vaga de mortandade de gando ovino na provincia de Ourense provocado pola enfermidade da lingua azul”. Unha situación que motivou que a organización se dirixise a Consellería de Medio Rural para trasladarlle a preocupación existente entre os gandeiros e a necesidade de convocar unha reunión de urxencia para tratar de reconducir esta crise sanitaria.
“As explotacións afectadas representan un activo medioambiental imprescindible para o mantemento no espazo rural de franxas verdes que serven de cortalumes naturais nun entorno especialmente afectado pola desertización demográfica e o abandono da actividade agraria”, indican dende UUAA, destacando que neste contexto, “resulta de imprescindible abrir de inmediato unha dobre liña de actuación para acoutar a expansión da enfermidade e tratar de salvar as granxas afectadas mediante liñas de axudas directas”.
Polo que se desprende dos últimos resultados aportados polo Laboratorio Central de Veterinaria situado en Algete e que é o de referencia para a sanidade animal, “se teñen detectado na cabana bovina novos serotipos do virus que provoca a lingua azul en animais, que son resistentes ás vacinas actuais, polo que non se descarta que a mortandade masiva de ovellas veña derivada deste mesmo vector de infección”.
UUAA solicita que “se actúe de xeito contundente e inmediato para evitar efectos catastróficos nas cabanas ovinas como os que se deron no ano pasado en Extremadura que deixou un panorama de perdas tremendo para unhas granxas que tradicionalmente teñen un volume de ingresos moi pequeno e que polo tanto son mi sensibles a este tipo de crises”.
Críticas dende o BNG
A deputada e portavoz de industrias agroalimentarias do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, acusa o Goberno do PP de deixar “totalmente desprotexidas” as gandeiras e gandeiros fronte á nova vaga de casos de Lingua Azul, unha enfermidade de declaración obrigatoria (EDO) da que estes días se veñen de confirmar en Galicia os primeiros cinco focos de dous novos serotipos, que xa afectaron tamén a centos de explotacións no Estado.
“Que un goberno delegue nos gandeiros a decisión e a responsabilidade de vacinar aos seus animais fronte a unha EDO é unha neglixencia que traerá consecuencias graves, levándoos novamente cara unha crise sanitaria ao rural galego, que aínda trata de recuperarse da ocasionada pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)”, anticipa Ariadna Fernández, aludindo ao protocolo “errático”.
“Durante estes dous últimos anos asistimos a unha das peores crises sanitarias do sector gandeiro coa EHE, sen que se garantira unha actuación responsable por parte da Xunta, que abandonou á súa sorte ás persoas titulares das explotacións, e agora encaramos outro ano complicado coa afectación da lingua azul que pode rematar coa perda de moitas cabezas de gando de novo”, apunta a deputada de Lalín.
Por todo isto que o BNG reclama, máis unha vez, que a vacina se administre de xeito gratuíto a todos aqueles gandeiros/as que queiran subministrarlla aos seus animais. “Sería o esperable desde unha consellería solvente. Actuar cando o problema xa está enriba non é propio dun goberno que tente protexer ao seu sector gandeiro”, conclúe a deputada.