
Na mañá deste luns 4 de agosto falecía un home vítima dun atropelo na N-525, en Allariz. Tal como informan dende o 112 Galicia a chamada dun alertador ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ás 12:30 horas “apuntaba a dous vehículos implicados nun posible atropelo a un señor duns 70 anos”.
Para atender ao ferido, avisaban aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron unha dotación en helicóptero. “Tamén foron alertados os axentes da Garda Civil de Tráfico e os Bombeiros de Xinzo, que volveron á súa base tras comprobar que non eran necesarios”, indican dende o 112, lamentando que “malia os esforzos, o equipo médico confirmou o falecemento do señor implicado neste atropelo”.
A persoa falecida non levaba identificación polo que a Garda Civil solicitaba colaboración cidadá. “Levaba esta camiseta e un pantalón curto deportivo gris así como un bastón de treking”, explican, indicando que se alguén ten información contacten con 062 o 112.
Pasadas as catro da tarde a Garda Civil informaba de que o falecido fora identificado “varón de 88 anos, residente en Allariz”.
