O Concello de Sober dá a coñecer a programación da XXVIII Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra e o VII Túnel do Viño de Amandi, que se celebrarán os días 11 e 12 de agosto.
O martes 12, será o día da Feira e os postos abrirán ás 10 horas para ofrecer os produtos típicos desta celebración, entre eles a rosca e o mel. Ás 11 horas haberá unha demostración de talla con motoserra a cargo de Eugenio Linares. De 11 a 13 horas desenvolveranse o obradoiro de feltro para todos os públicos de Ovella Viva. Á mesma hora dará comezo un obradoiro de cestería en vivo a cargo do CENTRAD da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ás 12 horas actuará o grupo de música tradicional Os Valouros no marco do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. E ás 13 horas as persoas que o desexen poderán participar na degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo por cortesía do Concello de Sober, e coa colaboración de Queserías Prado.

Túnel do Viño de Amandi
O VII Túnel do Viño de Amandi abrirá as súas portas o luns día 11 de agosto ás 19 horas. Á mesma hora haberá unha actuación do grupo Nectarine Soul.
No evento, organizado por Vinosacra, participan 25 adegas e 50 referencias de viños da subzona de Amandi e Sober que se poden degustar nunha carpa instalada na Praza do Concello. Colabora ademais a empresa cárnica lucense Torre de Núñez. O Túnel no que degustar os viños de Amandi estará aberto ata as 23 horas. O martes abrirá en horario de 11 a 15 horas.
Como novidade, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) ofrecerá o luns pola tarde unha experiencia gastronómica gratuíta con produtos galegos 100% na Praza do Concello. En concreto, o cociñeiro José Manuel Mallón preparará 500 tapas de tres variedades diferentes compostas por empanada de pemento do Couto con San Simón da Costa, Tosta de pan galego con tenreira galega e mostaza de grelos e, como sobremesa, crema de tarta de queixo Irmáns de Leite, mel de Galicia e Granola Ai.