
A Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior durante a xornada de hoxe por mor da alerta por episodio de calor. A suspensión afecta a concellos das catro provincias.
Os afectados en Lugo son Quiroga e Ribas de Sil, mentres que en Ourense hai moitos. Da comarca de Valdeorras a medida afecta a case todos: A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras. Do resto, afecta á Peroxa, A Teixeira, Amoeiro, Arnoia, Avión, Baltar, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Entrimo, Esgos, Laza, Leiro, Lobios, Maceda, Melón, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Irixo, Oímbra, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Piñor, Punxín, Ramirás, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Toén, Vilamarín, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
Recomendacións xerais para a poboación
A Xunta lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.
No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.