
Malia nacer e vivir en Ferrol (A Coruña), Fran Nogueira ten as súas raíces na Rúa, vila na que pasa todo o tempo que pode, tendo claro xa dende neno que o seu era a interpretación e para iso se formou. Graduado na Escola Superior da Arte Dramática de Galicia (ESAD), traballa como actor de cine e televisión contando no seu currículo con series como La Unidad (2020), Néboa (2020), Rapa (2022) a Lei de Santos (2022) ou Saudade de ti (2022); e filmes como El Cuarto de Mona (2021), entre outras, amais de pezas de teatro. Tamén ten traballado como modelo e protagonizado anuncios para destacadas firmas como Estrella Galicia; e actualmente dirixe o programa da TVG Eu sei + ca ti.

A nivel persoal é un asíduo de canta festa ou celebración ten lugar en Valdeorras (non hai moito era o convidado de honra á Festa do Caldo da Portela) e por suposto un incondicional da BacoFesta na que adoita mergullarse metido no papel dalgún romano. E nesta ocasión faráo por partida dobre.
O actor rués será o encargado este ano de dar o pregón que abrirá a BacoFesta 2025 este venres 8 de agosto ás 20:30 horas no recinto do Aguillón.
A festa estenderase durante toda a fin de semana de 20:30 horas a peche con postos de dez adegas e moita música. O venres actuará o grupo No All Kansas; e o sábado o grupo Smoking Stones. O domingo celebrarase a Noite Gigurra.
