
Mañá 8 de agosto comezarán as tres xornadas de celebración da XVIII Feira do Viño de Monterrei, na que están previstas a realización de actividades culturais, enogastronómicas e musicais.
A principal será a feira que terá lugar na praza da Alameda, e na que esta edición estarán presentes as seguintes adegas: Gargalo, Adega Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adega Tapias Mariñán, 3 Mentiras, Vía Arxéntea, Abeledos, Setembro, Adega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Quinta Soutullo, Manuel Vázquez Losada, Serra de Alén e Ramón Bigotes.
O horario de apertura das casetas será: venres de 20 a 24h. (venda anticipada a partir das 19horas), sábado 9 de 12:30 a 14:30 e de 19:30 a 1h., e domingo 10 de 12:30 a 14:30 e de 19:30 a 24h.
Ademais das casetas das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os padais (Xamóns Don Francisco, Panadería Roscas, Gofres Matilde, Alacena-Poboa de Sanabria, Queixeria Gaia, Cuscus Foodtruck, Cortador de xamón Juan Álvarez – Xamóns Antonio Martín Verín, Cen por Cel, Cárnicas de Feces e Casa do Pulpo).
A inauguración da XVIII Feira do Viño de Monterrei será mañá, a partir das 20 horas, na praza García Barbón, e o pregón correrá a cargo da actriz Mariana Carballal. Anteriormente, ás 18:30 horas, celebrarase na Igrexa Parroquial de Verín, o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. Nesta ocasión recaerán en Xosé Manuel Santiago Afonso, José Manuel Goméz Gómez e Manuel Pardo Cid. A entrada será libre ata completar aforo.
Xa nas xornadas do 9 e 10 de agosto, levaranse a cabo catas comentadas e showcookings, para o público adulto. Están previstas ‘Monterrei, sorbos de historia e tendencia’ (ás 13 horas do sábado, a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Catadoras -AGASU- e imaxe da campaña promocional da D.Ou. Monterrei “Non lle deas máis voltas”); e ‘Come, bebe e aprende do mellor xeito’ (coa participación de Begoña Vázquez – premio mellor cociñeiro galego 2024-, Miguel López -director técnico do C.R.D.O. Monterrei- e José Manuel Salgado -profesor do CMUS Verín-). Será tamén o sábado, pero xa ás 20 horas. E a última delas, a cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” presentada como ‘Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental’, terá lugar o domingo ás 13 horas (e estará realizada realizada por Martín Touceda -responsable da empresa familiar Cen por Cel- e Juliana Picarelli -catador do Restaurante Maruja Limón 1 estrela Michelin e 2 soles Repsol). Doutra banda, e xa para o público infantil, durante a fin de semana, de 20 a 22 horas, realizaranse xogos populares no interior da Alameda.