OurenseÚltima hora

Detidos en Ourense dous veciños de Madrid como presuntos autores dun delito de roubo con forza e catro de furto

Foto: Garda Civil.

 

A Garda Civil de Ourense vén de informar que no marco da operación “Sigilum”, o Equipo Roca “detivo a dous veciños de Madrid de 38 e 35 anos de idade, como presuntos autores dun delito de roubo con forza e catro delitos de furto cometidos entre abril e xullo de 2025”.

Segundo indican, os autores seguían un patrón definido, cometendo os feitos co mesmo modus operandi. “Pernoitaban en Portugal, próximos á fronteira con Verín. Durante o día desprazábanse pola Comunidade Galega, dirixíndose a polígonos industriais. Seleccionaban o obxectivo, mentres un dos detidos quedaba no vehículo, o outro accedía ás oficinas (aproveitando que a persoa da oficina ausentábase) e apoderábase de diñeiro en efectivo”.

Tal e como narran dende a Garda Civil, de forma cronolóxica, “o primeiro furto producíase o día 2 de abril nun taller situado no Polígono de San Cibrao das Viñas; o día 1 de xullo cometeron outro ilícito noutro taller do mesmo Polígono; o día 2 de xullo entraron nun taller sito no polígono de Barro (Pontevedra) e ese mesmo día ao seu regreso cometeron un roubo con forza (forzando un caixón pechado con chave) nunha nave de Maside (Ourense). O pasado 16 de xullo cometeron outro furto nunha nave de Cambre (A Coruña). O valor total do subtraído ascende a 5.000 euros en efectivo”.

A Garda Civil tras ter coñecemento dos feitos delituosos, iniciaba unha investigación logrando identificar aos autores e o vehículo utilizado, realizando varios seguimentos. Así, “o pasado día 5 de agosto establecen un dispositivo de seguridade e tras localizar o vehículo proceden á detención dos presuntos autores dos cinco feitos delituosos, na Autovía A52 (saída de Trasmiras-Ourense)”, pasando a disposición do Xulgado de Instrución 1 de Ourense.

Back to top button