Dende a tardiña do 8 de agosto a localidade valdeorresa da Rúa recrea o seu pasado romano e faino rendendo culto ao deus do viño: Baco con multitude de propostas. A área recreativa do Aguillón acolle nesta fin de semana unha nova e intensa edición da Baco Festa con degustacións de viños de diferentes adegas da Denominación de Orixe Valdeorras, así como con concertos, unha mostra de artesanía e degustacións gastronómicas.

Nesta galería de fotos amosabamos o ambiente que se vivía na noite do sábado 9 de agosto no recinto feiral da Bacofesta. Multitude de persoas ataviadas boa parte delas con prendas da época romana percorrían os expositores das adegas.

Desta volta, os visitantes poderán degustar nesta fin de semana os viños de Alan de Val, A Coroa, José Luis Aristegui, Roandi, Adegas Melillas e Fillos, Sampayolo, Joaquín Rebolledo, D’Berna e Cova da Xabreira, contando ademais, como adega convidada, con Alvaredos Hobbs, do veciño concello de Quiroga e pertencente á D.O. Ribeira Sacra.

Na noite do 9 de agosto o ambiente estaba animado pola actuación do grupo Smoking Stones. Para este domingo a apertura do recinto da festa está prevista ás 20:30h. e, nesta ocasión, celebrarase a “Noite Guigurra”.
Fotos: Carlos G. Hervella.










