En portadaÚltima hora

Tres incendios activos na provincia: en Mourazos (Verín), Requeixo (Chandrexa) con 1.600 has queimadas e Mormentelos (Vilariño)

 

A provincia de Ourense rexistra arestora un total de tres incendios forestais activos. Un deles é o de Mourazos en Verín, onde se ten solicitada a Situación 2, segundo a información actualizada da Consellería do Medio Rural. Os outros dous son o de Requeixo (Chandrexa de Queixa) e o de Mormentelos (Vilariño de Conso)

Así, está activo un incendio forestal no concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, no que se vén de solicitar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 4 axentes, 3 brigadas, 2 motobombas, 1 pala, 3 helicópteros e 4 avións.

Activo o de Chandrexa de Queixa-Requeixo

Continúa activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a máis de 1.600 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 12 técnicos, 40 axentes, 66 brigadas, 34 motobombas, 6 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 10 avións.

Activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 17.30 horas de onte domingo está activo un lume no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada e evoluciona favorablemente. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 8 axentes, 15 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicóptero e 4 avións.

Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2

Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 400 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Neste lume xa foi desactivada onte a Situación 2, que fora declarada na madrugada do domingo pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 20 axentes, 31 brigadas, 24 motobombas, 4 pas, 5 helicópteros e 6 avións.

Controlado Padrenda-Padrenda

Permanece controlado, desde as 01.23 horas do domingo, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que se iniciou o venres ás 22.03 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 25 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

Back to top button