
Entre o 25 de xuño e o 8 de setembro desenvolverase o Premio distancia parapente 2025-Xeoparque Montañas do Courel, con participantes de diferentes puntos de Galicia. Esta iniciativa premiará aos dous pilotos que consigan a maior puntuación na suma de tres voos rexistrados na plataforma XContest. Os voos deberán ter como punto de despegue calquera dos concellos de Quiroga, Courel ou Ribas do Sil, cos seguintes despegues habilitados: Vilañán, A Conchada, Cerengo, Torbeo, Pía Paxaro ou Taro Branco.
Un dos últimos pilotos en rexistrar o seu vóo é Oliver, o pasado 4 de agosto, quen está de líder provisional neste premio.
“O día pintaba ben, a meteo daba algo de vento do oeste case ao límite. E a predición era teitos altos a partir das 13. Pois basicamente creo que o que máis me tranquilizou foi almorzar arriba, chegar con tempo, ver aos paxaros como empezaban a voar….”, comentaba xa de volta o piloto.
Saía ás 13:30h. “coa intención de coller altura, tirar para diante e ás malas facer o remonte andando xa que era a miña segunda vez en Piapaxaro. Pero en canto saín xa había termica e derivada, ao non saír coa primeira case me custa o voo. Dei unhas voltas por alí sentinme seguro e empecei a tirar viento en cola, basicamente o resto do voo foi vento en cola por encima de cristas o máis que puiden e ata coller a seguinte térmica e esquivando o espazo aéreo de León”, contaba.
Oliver lidera nestes momentos a clasificación con 140,81 puntos, seguido de José Luis con 30,80 e Jaime con 27,10.
O premio
Neste Premio distancia parapente 2025-Xeoparque Montañas do Courel, o Clube de Parapente Quiroga repartirá 1000 € en premios aos dous mellores pilotos da tempada 2025, grazas á colaboración dos concellos de Quiroga, Courel, Ribas do Sil e do Xeoparque Montañas do Courel.
Premios:
1º premio – 700 €: para o piloto coa maior puntuación total nos 3 voos, sempre que un dos voos sume 60 puntos ou máis en XContest.
2º premio – 300 €: para o seguinte clasificado, sempre que alcance un mínimo de 50 puntos nalgún dos tres voos.