
Ata o Centro de Coordinación Provincial de Ourense desprazábase a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, para facer un seguimento da evolución dos lumes que permanecen activos na provincia. “Levamos dúas semanas moi complicadas, cunha meteoroloxía moi adversa e cunha actividade incendiaria moi alta”, dicía.
Así mesmo matizaba que “nestes momentos a situación máis complicada está na provincia de Ourense, con varios lumes activos, como é o de Requeixo (Chandrexa de Queixa) que leva dende o venres pasado activo, e que mellora e volve a empeorar, porque é unha zona de moi difícil acceso, no Macizo Central, a 1.500 m de altitude en moitos puntos, con vento e cunhas temperaturas elevadísimas e unha zona de imposible acceso, só os medios aéreos poden acceder en moitos dos puntos”.
A titular de Medio Rural tamén resaltaba que “neste momento en ningún dos incendios reviste perigo a poboación, aínda que temos decretado unha Situación de nivel 2 no de Vilardevós, pero acabamos de analizar a situación e está mellor, e temos tamén outro activo e con moito combustible en Cartelle”.
Por outra banda, a consellería pedía “tranquilidade, todo o servizo está a traballar cos medios que temos a disposición na provincia de Ourense, e tamén no resto de Galicia”. E adiantaba que “os próximos días prevemos tamén unha meteoroloxía adversa, polo que pido, unha vez máis, extremar as precaucións, cando se albisque un pequeno lume chamar o máis axiña posible ao 085 e moita precaución ao longo e ancho de Galicia”.
María José Gómez comentaba finalmente que a “situación metereolóxica é moi adversa, e iso vémolo tamén en toda España con situacións moi críticas e, dende aquí o noso apoio a Castela e León, que está vivindo unha situación crítica e desexamos que mellore o máis axiña posible”.