
O Concello de San Xoán de Río celebrará este xoves 14 de agosto ás 19:00 horas no Salón de Plenos a segunda edición da “Homenaxe a persoeiros oriúndos do noso concello”, coincidindo coa Festa do Emigrante 2025. O acto, que tamén se poderá seguir por streaming, estará dedicado este ano a José Luis Vázquez Sotelo, xurista, avogado e catedrático de Dereito Procesal, nacido na aldea de Mouruás, en San Xoán de Río, o 13 de xullo de 1935.
Fillo de José Vázquez e Consuelo Sotelo, creceu xunto aos seus irmáns Raúl, Luis, Herminia, Rosario, Octavio, Carlos e Piluca, aprendendo desde neno o valor da familia, das raíces e do amor pola terra. A súa infancia estivo marcada polos continuos desprazamentos do seu pai, funcionario de xustiza, estudando en distintas escolas de aldea, incluída a de San Xoán de Río, nun contexto de posguerra.
Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid en 1958, recibiu clases de figuras xurídicas tan destacadas como De Castro, Garrigues, Álvarez Suárez, Guasp, Prieto-Castro ou Nicolás Pérez Serrano. En 1960 aprobou as oposicións a Secretario Xudicial, exercendo en distintos destinos ata regresar a Galicia para traballar nos xulgados de Verín.
En Verín participou activamente na vida cultural e forxou amizade con persoeiros como Ramón Otero Pedrayo, quen o describiu como unha “intelixencia fina e creadora, sensibilidade aberta”. Foi fundador e presidente da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo (1976-1995) e mantivo tamén unha estreita amizade co Padre Isorna.
Posteriormente, trasladouse a Barcelona, onde presidiu o Centro Galego e relanzou a revista Alborada. Baixo a súa presidencia reconstruíuse a biblioteca do Centro, converténdose nunha das máis completas das letras galegas fóra de Galicia, labor no que foi fundamental a colaboración da súa sobriña Aurora Sotelo Vázquez. Polo seu traballo a prol da cultura galega foi nomeado Cabaleiro da Enxebre Orde da Vieira e galardoado co Premio Alecrín ao Galeguismo.
En 1973 doutorouse en Dereito con sobresaliente cum laude. Tras un longo e complexo percorrido de oposicións, acadou as cátedras de Dereito Procesal das universidades de León (1984), Zaragoza (1986) e Barcelona (1988), cunha produción académica caracterizada polo humanismo, o realismo e unha prosa lúcida e irónica.
A súa traxectoria tivo un forte impacto en Hispanoamérica, sendo membro e presidente de prestixiosas institucións xurídicas, profesor convidado e recoñecido con múltiples distincións. En 1991 foi nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Corts de Andorra e, desde 1993, do Tribunal Superior de Xustiza do Principado de Andorra, sendo o primeiro presidente da súa Sala Penal.
A morriña e o amor por Galicia transmitiunos á súa esposa María José, aos seus tres fillos e aos oito netos, que cada verán regresan a San Xoán de Río para gozar da terra familiar.
Con este recoñecemento, o Concello de San Xoán de Río quere poñer en valor a vida e obra dun veciño exemplar que, alá onde estivo, levou con orgullo o nome do seu pobo.