Cada ano é a vendima máis temperá de Valdeorras e neste 2025 non foi unha excepción. Na xornada deste 12 de agosto vén de rematar a colleita das parras de albillo de Manichy Trincado, situadas na zona de Pedrazais na Rúa Vella. Esta é unha variedade de uva branca que se caracteriza por madurar moi cedo. Este ano adiantouse a colleita tres días con respecto ao 2024, pero houbo unha vendima na que as uvas se recollían moito antes, o 1 de agosto.

Con respecto á cantidade, recollíanse catro cestos e medio, o que supón un descenso con respecto ao 2024, no que chegaban a encherse seis cestos e medio. Unha das causas dese descenso é o feito que moitos racimos foron comidos polos paxaros. “Antes atopabas algunha uva no chan, pero nunca os paxaros comeran tantas como este ano, comían acios enteiros”, destaca Manichy.

Tampouco este ano a saúde lle permitía a Manichy participar na vendima, pero novamente contaba coa colaboración de Chimpún e Aranguela. Esta nova colleita xa está no cubeto.
Fotos cedidas.