O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse esta mañá ás instalacións do aeródromo militar de Lavacolla, en Santiago de Compostela, para recibir aos dous hidroavións que reforzarán desde hoxe os medios estatais despregados para atallar a vaga de lumes. Acompañado polo xefe accidental do Aeródromo Militar, tenente Coronel Juan José Vázquez, o delegado agradeceu ás tripulacións a colaboración da Unión Europea e do Goberno galo, “mostra da importancia da solidariedade e da cooperación internacional nun momento tan difícil para o noso territorio”.
Os dous hidroavións súmanse aos medios estatais que se poñen a disposición dos servizos de extinción de incendios autonómicos. En concreto, son dúas aeronaves tipo Canadier, similares en prestacións ás que operan en España e que teñen unha capacidade de máis de 5.000 litros de auga, o que eleva a súa efectividade sobre o terreo.
Os dous avións responden á petición efectuada polo Ministerio do Interior ao Mecanismo Europeo de Protección Civil, tal e como anunciou onte o ministro Fernando Grande-Marlaska. As aeronaves quedan a disposición da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, co fin de utilizalos nos incendios nos que sexa máis urxente e necesario.
O delegado do Goberno insistiu no compromiso do Goberno na resposta ante esta emerxencia “con todos os medios, que levan días traballando sen descanso, en coordinación cos equipos da Xunta e os concellos”. E reiterou que “non imos parar ata frear e apagar cada un dos incendios. O noso compromiso é absoluto: protexer ás persoas, preservar o territorio e devolver a tranquilidade ás zonas afectadas”.
Fotos: EFE/Xurxo Martínez.