En portadaÚltima hora

Evacuación dunha residencia de maiores na Rúa e varios confinamentos preventivos de aldeas na provincia

 

Segundo informa o 112 Galicia, mantéñense activas as medidas de protección á cidadanía a causa dos incendios forestais na provincia de Ourense, con varias localidades que foron confinadas ao longo da tarde, “aínda que todas de forma preventiva logo de ser emitido o Es-Alert”.

Á Madanela (Monterrei), que está baixo confinamento desde o día de onte, sumouse a aldea de Carballal (Petín) e a de Roblido (A Rúa). Ademais, tamén de maneira preventiva, levouse a cabo a evacuación dunha residencia na Rúa e o confinamento doutra en Chandrexa de Queixa.

“Polo de agora, segue interrompida a circulación ferroviaria. A A-52 atópase cortada entre os quilómetros 114 (A Mezquita) e 129 (A Gudiña), en ambos sentidos, mentres que a N-525 tamén sufriu cortes, aínda que arestora está aberta á circulación”, sinala o 112 Galicia.

Emitiuse o Es-Alert en diferentes concellos afectados polos incendios forestais

Ás 16:00h, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou o ES-Alert debido aos incendio forestais que están a afectar á provincia de Ourense. Esta alerta foi emitida a modo preventivo e con indicacións para garantir a seguridade ante o avance dos lumes.

Enviouse nos seguintes concellos: Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel e Rubiá. Igualmente, debido á proximidade, a mensaxe puido ter chegado a móbiles que se atoparan en concellos limítrofes.

Continúan activos os protocolos de protección á cidadanía (Situación 2) en toda a provincia de Ourense. Desta maneira, cómpre mencionar que é preciso tomar as precaucións necesarias e manterse atento ás indicacións das autoridades.

Back to top button