
Situación de gravidade na provincia de Ourense golpeada polos lumes. Arestora, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural, hai activos un total de 8 lumes, tendo en conta que se uniron nun só os incendios de Chandrexa e Mormentelos.
Os datos por incendios son os seguintes:
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Onte, xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 16.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 22 técnicos, 110 axentes, 139 brigadas, 82 motobombas, 12 pas, 13 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 2.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 84 axentes, 126 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 10.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Laza e Verín. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 45 axentes, 60 brigadas, 44 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo un incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 23 axentes, 24 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores ás 18.09 horas un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 10 axentes, 5 brigadas, 7 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde de onte xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 100 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 17 axentes, 29 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 7 avións.
Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Activo desde as 17.41 horas de onte xoves un incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 1.500 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 9 técnicos, 28 axentes, 48 brigadas, 36 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABILIZADOS
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado Ourense-Seixalbo
Desde as 00.51 horas do mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 1 técnico, 17 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
Mantéñense activas as medidas de protección á cidadanía a causa dos incendios forestais na provincia de Ourense, con varios pobos que foron confinados ao longo da tarde na provincia de Ourense. Á Madanela (Monterrei), que está baixo confinamento desde o día de onte, sumouse o pobo de Carballal (Petín) e o de Roblido (A Rúa). Ademais, levouse a cabo a evacuación dunha residencia na Rúa e o confinamento doutra en Chandrexa de Queixa, tamén de maneira preventiva.
Por outra parte, esta tarde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou o ES-Alert debido á actividade dos incendios forestais que están a afectar á provincia de Ourense. Esta alerta foi emitida a modo preventivo e con indicacións para garantir a seguridade ante o avance dos lumes. Enviouse nos seguintes concellos: Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel e Rubiá. Igualmente, debido á proximidade, a mensaxe puido ter chegado a móbiles que se atoparan en concellos limítrofes.