A RúaConcellosPetínÚltima hora

Confinados de maneira preventiva veciños de Petín, Barxela e O Porto (Petín); e de San Xulián (A Rúa)

Tamén se produciu algunha evacuación en Pradocabalos e O Castro (Viana do Bolo), en San Fiz (A Veiga) e en Roblido (A Rúa), "todas elas de maneira voluntaria"

 

Mantéñense activas as medidas de protección á cidadanía a causa dos incendios forestais na provincia de Ourense, cun total de 68 persoas que constan confinadas de maneira preventiva, tal e como informan dende o 112 Galicia.

As persoas que se resgardaron nas súas casas son de diferentes núcleos de poboación, entre os que se atopan Mosteiro, o Bouzo e Vilar de Lebres, do concello de Trasmiras; Montederramo e Viloxe, do concello de Montederramo; Petín, Barxela e O Porto, do municipio de Petín; e de San Xulián, da Rúa.

“Tamén se produciu algunha evacuación, como en Pradocabalos ou no Castro, do municipio de Viana do Bolo, ou en San Fiz (A Veiga) aínda que todas elas de maneira voluntaria”, puntualizan.

Arestora non constan cortes en estradas, aínda que o tráfico ferroviario segue parado. Igualmente, seguen a estar activos os protocolos de protección á cidadanía (Situación 2) en toda a provincia de Ourense.

Actualización

En canto á xente que continúa evacuada, “son arredor de 100 persoas da residencia da Rúa, 3 da residencia da Mezquita e 25 da de Chandrexa de Queixa. Tamén 15 persoas de San FIz (A Veiga), 8 entre Pradocabalos, O Castro e Caldeliños en Viana do Bolo e 4 entre Paradela e San Pedro en Manzaneda. Tamén houbo evacuacións de carácter voluntario en Roblido (A Rúa)”.

Back to top button