OurenseÚltima hora

500 efectivos da UME están mobilizados en Galicia

Así o sinalaba esta tarde o delegado do Goberno, que tamén se refería medios aéreos, terrestres e brigadas do MITECO, persoal da BRILAT, Protección Civil e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reuníase hoxe, xunto ao subdelegado en Ourense, Eladio Santos, con responsables da UME —entre eles o coronel, Alberto Salas,— e coa conselleira de Medio Rural,  María José Gómez, e outros responsables autonómicos, na Delegación da Xunta en Ourense. Posteriormente visitaron o CECOP na cidade de Ourense para coñecer de primeira man a situación e a evolución dos incendios.

Pedro Blanco incidiu en que todos os recursos do Goberno de España están traballando en Galicia desde o primeiro momento para afrontar a difícil situación, en coordinación coa Xunta e cos concellos afectados. Lembrou que a Xunta está ao mando da emerxencia e conta coa máxima colaboración do Goberno, que reforza continuamente os dispositivos cando así se solicita.

O delegado destacou que actualmente están mobilizados en Galicia 500 efectivos da UME, ademais de medios aéreos, terrestres e brigadas do MITECO, persoal da BRILAT, Protección Civil e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. “É un dispositivo sen precedentes que segue ampliándose en función das necesidades de cada momento”, explicou, sinalando tamén a chegada de maquinaria pesada solicitada pola Xunta para traballar nas zonas máis complexas.

 

 

O delegado trasladou novamente o apoio e agarimo ás persoas afectadas polos lumes e pediu máxima prudencia, seguir as instrucións dos servizos de emerxencia e evitar desprazamentos innecesarios ás zonas dos incendios. Así mesmo, condenou con firmeza os incendios provocados, subliñando que “os incendiarios serán identificados e condenados”. Lembrou que xa hai 3 persoas detidas e 22 investigadas en Galicia, grazas ao traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que manteñen abertas as investigacións para dar cos responsables.están mobilizados 500 efectivos da UME

Pedro Blanco indicou que o Goberno de España estivo en contacto coa Xunta desde o primeiro momento. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, trasladoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, toda a axuda que precise Galicia, ofrecendo reforzos inmediatos. O propio presidente do Goberno visitará mañá Ourense para manter encontros cos responsables dos dispositivos e avaliar in situ a situación.

Ademais, o ministro do Interior trasladou esta mesma disposición á conselleira competente e a ministra de Defensa desprazouse hoxe a Manzaneda para supervisar os medios despregados en Galicia.

Back to top button