En portadaÚltima hora

A provincia de Ourense segue ardendo con ata 11 grandes incendios activos

Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (son un único incendio con máis de 17.000 ha afectadas), Maceda (Santiso e Castro de Escuadro uníronse con 3.000 ha), Oímbra-A Granxa (11.000), A Mezquita-A Esculqueira (9.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (800 ha), Vilardevós-Moialde (500), Vilardevós-Fumaces e a Trepa (100), Larouco-Seadur (4.000 ha), Xinzo de Limia-Gudín (150 ha), Carballeda de Avia-Vilar de Condes (1.000 ha) e Beade-As Regadas (100 ha)

O incendio iniciado en Seadur (Larouco), na parte sur do municipio do Barco./ Cedida.

 

O conxunto da provincia de Ourense segue totalmente golpeado polos incendios forestais. Segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural, e actualizados ás 21h. deste sábado, hai un total de once grandes incendios activos, entre eles os de Chandrexa de Queixa-Vilariño, o de Seadur (Larouco), que se foi estendendo e afectando a boa parte da comarca de Valdeorras, e o da Mezquita-Esculqueira, que entrou en territorio de Viana do Bolo e mesmo pasou á parte de Zamora.

Os datos por cada incendio son os seguintes:

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos

O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas

Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 129 axentes, 150 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 88 axentes, 129 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Activo Oímbra-A Granxa

Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 11.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín e Laza. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 51 axentes, 66 brigadas, 48 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 26 axentes, 25 brigadas, 25 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo desde o mércores ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 800 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 15 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.

Activo Vilardevós-Moialde

Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 20 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións. 

Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa

Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.

Activo Larouco-Seadur

Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 4.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 14 técnicos, 52 axentes, 69 brigadas, 56 motobombas, 7 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes

Está activo desde as 16:38 horas de onte o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes que, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.000 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 13 axentes, 21 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 4 avións..

Activo Beade-As Regadas

Activo desde as 18:16 horas de onte venres o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas e 1 pa.

Activo Xinzo de Limia-Gudín

Está activo desde onte ás 17.22 horas un incendio no concello ourensán de Xinzo de Limia, parroquia de Gudín, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 150 hectáreas e está pendente dunha nova actualización de superficie. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

ESTABILIZADOS

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

CONTROLADOS

 Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

Back to top button