ConcellosO BarcoÚltima hora

O lume achégase, ladeira abaixo, cara a aldea de Forcadela (O Barco)

 

Unha das zonas do Barco que máis preocupa arestora pola cercanía das chamas a poboacións é a de Forcadela. Temendo que o incendio chegase xa onte, a veciñanza organizábase como podía para evitar que o lume alcanzase as chamas. Finalmente, esta noite o incendio no baixou, e agora as chamas están “onde nace o Rigueiro”, din os veciños, pero todo indica que o poida facer nas próximas horas.

Así o confirma tamén o tenente alcalde do Barco e alcalde accidental, Aurentino Alonso, que informa da chegada de máis efectivos da UME ao municipio para incorporarse á loita contra os incendios. “A UME segue chegando e estase instalando no pavillón de Calabagueiros. De momento, os que viñeron para O Barco van actuar en Forcadela. Desaloxouse parcialmente Forcadela, é dicir, que a xente con posibilidades de axudar quedouse para que estean pendentes por se salta algunha muxica algunha casa ou a algunha construción. E o resto desaloxouse. Eles van a actuar alí porque está baixando por toda esa loma o lume”.

 

 

Así mesmo, Alonso explica que “no caso de Xagoaza (tamén na ladeira norte do municipio), está o lume un pouco apartado, que é o que pasou onte por riba da antiga canteira. Pero parece que, polo de agora, non reviste perigo”.

No caso da ladeira sur do municipio, é dicir, Santigoso-Fervenza-Santa Mariña “parece que en Santigoso na pasada noite fíxose un cortalumes e agora témese que se reavive. Tamén continúa o lume, aínda que un pouco apartado, pero por riba da zona de Fervenza”, sinala Alonso.

Nas tres primeiras fotos da galería: o lume visto dende Forcadela onte á noite e nas seguintes, o incendio visto dende O Castro (O Barco) e veciñas de Forcadela a pasada noite, preparándose por se chegaba o lume.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button