O sesión de plenos do Concello do Barco celebraba ás 13:30h. 18 de agosto un pleno cun único punto na orde do día: a renuncia presentada por Alfredo García Rodríguez ao seu cargo como alcalde deste municipio e a asunción da alcaldía en funcións polo primeiro tenente de alcalde, Aurentino Alonso Araújo. Esta era a última sesión presidida por García Rodríguez, tras 26 anos como alcalde barquense, e tras dar conta diso, pasaba a ser alcalde en funcións Aurentino Alonso, quen a partir dese momento dirixía o pleno.
Alfredo García tomaba a palabra para despedirse e dicía que “hoxe é un deses días que custa poñer en palabras, porque despedirse, aínda que sexa con satisfacción polo camiño andado nunca é doado. Despois de 26 anos como alcalde do Barco tócame dar un paso ao lado e douno coa tranquilidade de quen sabe que dedicou o mellor de si a esta vila e á súa xente. A vida son etapas e creo que cumprín sobradamente cunha delas e toca comezar outra”.
Aseguraba tamén que para el, dende o primeiro día, “ser alcalde do Barco foi a honra máis grande da miña vida, non quería nin quixen outro cargo máis que este. Foron moitos anos de traballo duro, de ilusión, de proxectos compartidos, de dificultades e tamén de moitas alegrías. Tiven a sorte de contar sempre con grandes equipos e tamén cuns veciños que confiaron en min”. Tamén agradecía o seu labor aos traballadores do Concello e aos “compañeiros e compañeiras de Corporación: grupo de goberno e oposición, porque todos ao longo destes anos colaboramos na mellora dos servizos e das cuestións que acadamos nesta vila”. Neste senso, facía unha mención especial para aqueles concelleiros do seu grupo de goberno, “os que están hoxe e os que estiveron”, cunha mención especial a Miguel Neira, Aurentino Alonso e Luis Arias, entre outros.
Tamén expresaba o seu desexo de que nos grandes temas e proxectos “se siga mantendo a unanimidade como ata agora”. García incidía tamén en que, “se puiden dedicarme durante estes 26 anos as 24 horas do día a esta responsabilidade, sen horarios, nin festivos, nin fins de semana, foi grazas ao apoio da miña familia, que soportaron a miña ausencia en moitos momentos, as preocupacións que levaba para casa e o teléfono que non deixaba de soar, foron comprensivos, xenerosos e pacientes, así que o meu agradecemento. E precisamente a eles quero dedicarlles o resto da miña vida”.
Alfredo García tamén repasaba a súa xestión como alcalde e destaba que “O Barco nestes 26 anos ten vivido unha gran transformación en moitos aspectos, no que ten que ver coas infraestruturas, fixéronse obras moi importantes, tanto no casco urbano, como nos núcleos rurais”, citando algunhas como a eliminación do paso a nivel, a creación dos pasos soterrados da vía, a pasarela peonil entre o casco vello e Viloira, entre outros.

“Ademais”, engadía, “O Barco converteuse nestes anos nunha poboación que ofrece aos veciños servizos moi por riba de municipios do mesmo tamaño. Temos unha actividade cultural de gran calidade ao longo de todo o ano, unhas festas patronais e gastronómicas relevantes, unha oficina de turismo, unha actividade deportiva de alto nivel e uns servizos sociais e de todo tipo que funcionan a pleno rendemento”.
Por iso, Alfredo García, como destaba el mesmo, vaise “orgulloso do traballo realizado, por suposto, creo que quedan moitísimas cousas por facer porque as necesidades cambian e hai que buscar sempre unha mellora sobre o que xa temos. Por iso é preciso continuar traballando arreo para que O Barco siga progresando como merece a súa veciñanza e iso será traballo de todos vós. A partir de agora quedo a disposición para que o precisen do resto de concelleiros e de toda a veciñanza, deixo o meu cargo pero sigo a ser veciño do Barco e sigo desexando o mellor para unha localidade onde pasei a maior parte da miña vida. O Barco é o que nos une e que todo que se fixo aquí fíxose entre todos”.
E concluía dirixíndose aos veciños. “Grazas por deixarme formar parte da historia do Barco” e entre aplausos da corporación.

Deseguido interviñan os voceiros da oposición, comezando o portavoz do BNG, Manuel Agra, quen comezaba referíndose á difícil situación que vive nestes días O Barco e a comarca. “O Barco ole a fume, a impotencia e rabia. Antes de nada vaia a nosa solidariedade e apoio a toda a veciñanza afecta da polo lume no noso concello e na nosa comarca. O noso agradecemento a todas as persoas que estiveron axudando e combatendo as lapas”.
Tamén facía unha lembranza a unha persoa que acostumaba acudir a todos os plenos desta Corporación. “Hai uns días, falecía Xoán Xosé Rodríguez, unha persoa que estaba convencida da importancia de participar na vida política. Asiduo a este salón plenos, Pepe do Meiral tiña unha visión positiva do labor político”. E continuaba cunha referencia á marcha de Alfredo García da alcaldía. “Evidentemente, unha persoa que leva 26 anos como alcalde ten tamén unha visión positiva da importancia de participar na vida política. É tempo suficiente para demostrar que a política como servizo público é esencial para a sociedade. De aí o noso profundo respecto á decisión pola que hoxe se nos convoca a este pleno no que Barco ole a fume, impotencia e rabia”.

Tamén o voceiro do PP, Antonio Melo, tiña palabras para a complexa situación que se vive polos incendios. “Queremos facer un recoñecemento a toda esta xente que está loitando contra esta lacra que son os incendios, hoxe que debería ser un día digamos feliz para todos por un cambio de vida, nós deixamos un alcalde e vén outro. Un día de alegría é un pouco triste”. Ademais, agradecía o labor de García Rodríguez como alcalde “durante todos estes anos. Fixeches un traballo, eu sempre che comentei que saimos de puntos distintos, pero que queríamos chegar ao mesmo punto: a mellora do pobo e que sexa alegre. Sorte na nova etapa”.
Melo tamén lle dirixía unhas palabras ao alcalde en funcións, “estamos aquí coa man tendida, como sempre, seguiremos traballando e colaborando polo ben do Barco”.
Finalmente, Aurentino Alonso, como alcalde en funcións e en nome dos seus compañeiros do grupo socialista pechaba a sesión cunha breve intervención. “Hoxe, día de loito para toda a nosa comarca, despois da maior catásfrofe natural que estamos a sufrir coa vaga de incendios, non é un día calquera, nin é un día fácil para todos os concelleiros do PSdeG-PSOE do Barco, hoxe péchase un capítulo moi importante na historia do Barco. E facémolo con gratitude, con emoción e sobre todo con profundo respecto. Marcha quen foi máis que un alcalde, vaise un respectado referente da política galega, unha figura clave na transformación do Concello do Barco, a persoa que durante 26 anos estivo á súa fronte, con traballo e entrega incansables, con carisma, con proximidade e cun compromiso que nos marcou a todos os que tivemos a honra de camiñar ao teu lado”.

Alonso sinalaba tamén que cando Alfredo García chegaba á alcaldía atopaba “un pobo estancando e con necesidades por cubrir e hoxe déixanos un pobo moderno, dinámico, cheo de vida, un lugar do que sentirnos orgullosos, un lugar para vivir. Esa transformación foi froito do traballo constante e da visión do futuro e do amor sinceiro para o teu pobo”.
Ademais, Alonso apuntaba que, “para min, tamén foi unha honra e un privilexio poder estar ao teu lado, aprendín co teu exemplo, coa túa capacidade para liderar sen estridencias, para construír consensos e para poñerse sempre por diante o benestar da veciñanza do Barco. Dende o grupo municipal socialista todos os compañeiros/as que aquí estamos, e seguro que os que nos precederon, sentímonos fondamente orgullosos de formar parte deste camiño e de ter contribuído xuntos á transformación do noso pobo, desexámosche o mellor nesta nova etapa que agora comeza, rodeada da túa familia, que tamén foi parte silenciosa pero esencial nesta viaxe. Desfruta do descanso, dos teus e de todo o que aínda está por vir. Grazas por todo alcalde”.
E, tras unha forte aperta con Alfreo García, o novo alcalde en funcións daba por concluído este pleno extraordinario, entre aplausos e saúdos do público asistente.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.