OurenseÚltima hora

A Brilat instala unha base de operacións en Trives para apoiar as tarefas de loita contra o lume

O delegado do Goberno en Galicia reuníase cos mandos do destacamento que a Brilat instalou en Pobra de Trives e que forma parte dos 200 efectivos achegados polo Goberno

 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse hoxe á Pobra de Trives (Ourense) ata a base de operacións que instalou a Brilat para apoiar as tarefas de loita contra o lume nas provincias de Ourense e Lugo. Alí mantivo unha reunión cos mandos deste destacamento, liderado pola tenente coronel Mónica Lacasta.

Desde esta base operan efectivos procedentes da Base General Morillo de Pontevedra e que forman parte do reforzo de 200 militares que desde onte están a disposición do operativo de loita contra o lume da Xunta de Galicia. En concreto, estes militares están a colaborar en tarefas de protección de persoas e do territorio diante os lumes forestais e fanno en turnos que permiten atender a emerxencia durante as 24 horas.

Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, Pedro Blanco remarcou que “o Goberno está volcado con Galicia reforzando e ampliando medios para apagar os incendios”, e avanzou que xa están chegando novos medios procedentes do Mecanismo Europeo de Protección Civil. O delegado reiterou que o compromiso do Goberno é o de atender todas as necesidades que se presenten cos medios que sexa necesario e de xeito inmediato.

Os efectivos da Brilat e da Bripac (Brigada de Paracaidistas do Exército de Terra) suman 200 militares aos medios estatais que colaboran coa Xunta na protección dos montes galegos. En paralelo seguen a operar os medios da UME, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, de Protección Civil e tamén a Garda Civil e Policía Nacional.

O delegado do Goberno agradeceu o traballo dos e das profesionais que está atacando os lumes “xogándose a vida en cada acción” para protexer a Galicia e a solidariedade da cidadanía coas poboacións afectadas. En especial, o delegado trasladou o seu apoio e cariño á familia do bombeiro ourensán falecido en León e aos catro bombeiros feridos onte en Ourense, desexándolles unha recuperación total e rápida.

Pedro Blanco insistiu en que “agora a prioridade absoluta é protexer as persoas e o territorio apagando os incendios”, e apela a deixar para máis adiante as análises e opinións.

Manzaneda

Ao longo desta xornada, o delegado e o subdelegado na provincia desprazábase tamén ao concello de Manzaneda onde avaliaba o impacto do lume neste municipio co alcalde, Amable Domínguez.

Back to top button