EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño de Valdeorras reprograma a terceira cita do festival ‘Entre covas’ para o 19 de setembro

Asistentes á II xornada do festival celebrada na Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras vén de adiar a celebración da terceira xornada do festival ‘Entre covas’ que ven celebrando dende o mes de xuño, prevista para este venres 22 de agosto en Bodegas Blare de Vilanova, no concello do Barco. “Ante a vaga de lumes que afecta á comarca, a súa directiva decidiu reprogramar o evento, que inclúe un espectáculo de danza contemporánea e unha cata de viños ao aire libre”, din, explicando que “este cambio considérase un xesto de respecto ante a situación de emerxencia e de reconto de danos no que están moitas vilas”.

A nova data escollida é o venres 19 de setembro, para o que seguirán sendo válidas as entradas adquiridas. Tamén será reembolsado o seu custo a aquelas persoas que non podan asistir polo cambio de día.

 

 

Asemade, dende a asociación mandan “unha mensaxe de forza e agarimo a todas as persoas afectadas polos lumes forestais destes días, especialmente a aqueles que perderon vivendas ou cultivos. A viticultura demostrouse unha vez máis como un valor, así como todos os negocios de hostalería, rutas, visitas e produtos gastronomómicos que forman parte do sector enoturístico, xa que un rural vivo e con actividade económica e agrícola é un rural que resiste”. Tamén agradecen tanto a Bodegas Blare como á compañía de danza de Fran Sieiro a súa comprensión e dispoñibilidade para o cambio de data.

Espectáculo Ceibe e cata de viños

A última das citas de ‘Entre covas’ será o venres 19 de setembro nos xardíns de Bodegas Blare, en Vilanova. Alí a Cía. Fran Sieira presentará o espectáculo Ceibe, unha peza que combina danza contemporánea e cultura tradicional. Neste caso, a cova da adega poderase visitar antes e despois do espectáculo. Para ese día aínda quedan entradas dispoñibles, á venda en Ton y Son ou a través da web da Ruta do Viño. Custan 25€ e inclúen o acceso ao espectáculo, a cata e os petiscos.

Back to top button