EntrevistasÚltima hora

Iván Reinaldo, presidente do BM Ribeiro: ‘Combinamos xuventude e experiencia’

Foto de familia do Club Deportivo Cultural Balonmán Ribeiro./ Foto cedida.

 

Na provincia de Ourense hai cinco clubs de balonmán federados. Catro deles están na capital: BM Pabellón, BM Miño, BM Milenio e BM As Burgas, os dous últimos de recente creación; e un dos máis potentes está en Ribadavia, sendo o único que ten o equipo sénior en 1ª División Nacional.

O CDC BM Ribeiro nacía como club no ano 1988 e dende hai unha década ten a Iván Reinaldo Vallejo como presidente. “A directiva formámola xogadores que estivemos xuntos dende pequenos e aos que nos gusta o balonmán e queremos que siga porque é unha forma de dimanizar a comarca e que os nenos fagan deporte e socialicen. Pensamos que é bo tanto para os nosos fillos como para o resto de nenos”, asegura Iván que comezaba a xogar no club con 8 anos, pasando por todas as categorías ata pasar a desenvolver labores de directiva, cos que intenta manter o club con xente de casa. “En Ribadavia o balonmán ten tirón e canta máis xente da comarca xogue no equipo nacional máis xente atraerá”, asegura.

¿Cando e como nace o proxecto do BM Ribeiro?

Ten máis de corenta anos. Antes era unha asociación deportiva e cultural de finais dos 70 principios dos 80 e no 88 converteuse en club deportivo. Primeiros acollía as Escolas Deportivas Municipais ata cadetes e despois o resto de categorías formaba parte do club e hai uns anos, dende o 2000 máis ou menos, desaparecen as escolas deportivas e queda como club-escola que forma parte da nosa estrutura e engloba as categorías baby, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil e a partir de aí comeza o Club Deportivo Cultural Balonmán Ribeiro.

¿Como está estruturado actualmente o club?

No club-escola está a categoría baby (3, 4, 5 anos) cun equipo sen competición, fan máis ben partidos de exhibición e temos 25-30 nenos; dous equipos prebenxamín, un de primeiro ano e outro de segundo (6-7 anos); dous equipos benxamín con outros 25-30 nenos; en alevín (10-11 anos) igual que no resto de categorías base son equipos mixtos pero como este ano temos bastantes nenos e nenas faremos un masculino e outro feminino. En infantil, cun masculino e outro feminino, temos un convenio de fidelidade co BM Miño de Ourense para que nenos do seu club poidan xogar con nós. Ademais hai un cadete masculino e un xuvenil masculino tamén. A idea é intentar ter equipos femininos nestas dúas categorías pero ao ser Ribadavia unha poboación de menos de 5.000 habitantes cústanos máis que continúen. Así e todo hai un grupo que vai xunto dende pequeniñas e agardamos que cheguen ata as categorías superiores xuntas, se logramos o equipo compacto, senón resulta moi complicado. E despois o equipo sénior que compite en 1ª Nacional, tamén co convenio de fidelidade co BM Miño que teñen equipo en 2ª Autonómica (dúas categorías menos). En total, entre a base e o club son 150 xogadores. Despois cos adestradores, todos con formación (10-12), máis delegados e a directiva seremos case 200 persoas e socios estamos entre 500 e 600.

 

 

Malia unha tempada complicada o equipo de nacional, o BM Ribeiro Rodosa Ourense Termal, lograba manterse un ano máis.

Imos comezar a novena tempada e a verdade é que a categoría en si é moi complicada porque hai moitos equipos, sobre todo na zona de Pontevedra, en Dividión B con moita canteira, xogadores e fichaxes, e os equipos de arriba están pelexando por xogar aí, na segunda categoría a nivel nacional. Ademais hai catro equipos canarios que forman parte do noso grupo e adoitan ser moi bos, co cal sobre todo a zona media está moi igualada e conseguir manterse non é doado. Este ano ademais por temas de calendario, lesións,… chegamos un pouco xustiños de puntos pero a falta de catro xornadas conseguimos a permanencia.

¿Como se presenta a nova tempada?

A estrutura mantense. A idea é intentar que o plantel do primeiro equipo sexa a maioría da casa. Antes tiñamos como 8-9 xogadores de fóra e agora pretendemos que se nutra con xuvenís que se formaron dende pequenos con nós con moi bos resultados co cal a maior parte do equipo será da base. Un plantel con rapaces que xa estaba tendo minutos e xogando habitualmente con novos que pasan de xuvenil a sénior. Temos tamén tres fichaxes externos aínda que un é orixinario de Ribadavia que estivo fóra e volve a casa con formación que nos virá moi ben para completar a estrutura de adestradores da base. Combinamos xuventude con experiencia. O adestrador é Alberto Miguélez, tamén da casa, que estivo adestrando anos en Lalín, no Cañiza ao que ascendeu, despois estivo con nós e tras descansar uns anos, leva dous anos de novo co Ribeiro, vai afrontar a terceira tempada.

¿Que obxectivo se marcan dende o club?

Formar nenos da comarca que queiran xogar a balonmán. Na escola fanse xogos de todo tipo pero a idea é que a partir dunha idade xa se centren no balonmán e que cheguen ao equipo de nacional, para chegar a formar o equipo con xogadores da casa aínda que de momento fainos falta algunha fichaxe de fóra para manternos. A ver se este ano o conseguimos.

Back to top button