PolíticaÚltima hora

O BNG fai público o seu posicionamento ante a vaga de lumes en Valdeorras

Un dos incendios de Valdeorras./ Foto: O SIL.

 

O BNG de Valdeorrás vén de emitir neste 21 de agosto un comunicado para expresar o seu posicionamento ante a ” vaga de lumes que está a azoutar a nosa comarca e o conxunto da Galiza nas últímas semanas”. Nel indica esta formación política valdeorresa que “o noso primeiro pensamento está coas veciñas e veciños que se viron afectados directamente. Aqueles que perderon as súas vivendas ou viron calcinadas as terras que traballaban coas súas mans. A eles vai a toda a nosa solidariedade neste duros momentos.

En segundo lugar, prosegue, “queremos facer chegar o noso recoñecemento aos traballadores dos servizos de emerxencias e de extinción de incendios da comarca que fixeron un traballo heroico nestes días malia á falta de medios e á precariedade laboral na que anos de recortes deixaron estes servizos. Así como aos centos de veciños que de xeito voluntario puxeron o seu esforzo e o seu corpo para axudar a conter as lapas.Tamén nos momentos de maior traxedia se seguen a ver as mellores características do noso pobo: a capacidade de sacrificio e a solidariedade”.

Finalmente, o BNG de Valdeorras amosa “o noso total apoio ás múltiples manifestacións
convocadas en todo o país hoxe, 21 de agosto, pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro esixindo responsabilidades diante desta vaga de incendios, a pesar de que as condicións de emerxencia nas que se atopa a nosa comarca non permiten inda sumarnos fisicamente a estas manifestacións. A nosa militancia, como o resto da poboación de Valdeorras, segue ocupada axudandodonde pode a conter as lapas e os nosos cargos institucionais seguen a xestionar a difícil situación. Pero si recoñecemos a necesidade de pedir responsabilidades ao goberno do Partido Popular na Xunta polos anos de recortes nos servizos públicos e a nefasta política forestal que permitiron que se producise este desastre sen precedentes na nosa comarca”.

 

Manifestación esta tarde en Ourense./ Cedida.

 

Por outra banda, esta formación política adianta que “nos vindeiros días retomaremos o traballo nas rúas e nas institucións para reclamar responsabilidades políticas diante deste desastre ecolóxico e humano, así como unhas reparacións xustas para a comarca e unha mudanza de rumbo nas políticas de prevención que permita evitar que esta traxedia se volva a repetir nunca en Valdeorras ou en ningunha parte da Galiza”.

Back to top button