
Como ben dixo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao “vale máis unha terra con árbores no monte que un Estado con ouro no banco”. Esta reflexión case centenaria non pode estar máis de actualidade por mor dos incendios que arrasan Ourense e, en concreto, a comarca de Valdeorras, na que levan ardido máis de 30.000 hectáreas.
Case tan rápido como os lumes propagouse a solidariedade cos afectados pola vaga de incendios, partindo de Valdeorras e chegando até A Coruña. Grazas ao pulo das ruesas Cristina Pérez e María Rodríguez, nesta cidade iniciouse unha campaña para recoller comida e material, tanto para a veciñanza como para os efectivos despregados que seguen combatendo, con afouteza, o inferno forestal que arruina o sur da provincia.
“Ante a impotencia de non poder axudar os días nos que comezaron os incendios, o meu único pensamento era como podía colaborar dende a distancia”, lembra Cristina.
Pérez comezou a compartir contido en redes sociais co fin de darlle visibilidade ao que estaba a acontecer. A través de Instagram coñeceu a Raquel, “unha coruñesa moi sensibilizada”, apunta, co problema que se está a vivir en Valdeorras. “Ela sabía como moverse para facer chegar as achegas e eu a que puntos da comarca tiñan que chegar, grazas ao grupo de Whatsapp Valdeorras Incendios”, comenta Cristina. Tamén foi importante a axuda de Manu Cao, da Rúa, “que facilitou as furgonetas necesarias para que a aportación chegara a cada punto”, explica.
As promotoras desta idea lembran que aquelas persoas que desexen doar na cidade herculina poden facelo en tres puntos: no centro de Crossfit DRK, na rúa Galileo Galilei no que se atoparan con Cristina e María, en SPL Psicoloxía, ubicado no número 46 da rúa Ánxel Rebollo ou na sede de Podemos, localizada na rúa Chile 35.

Nun principio a recollida íase realizar só até hoxe no box de Crossfit DKR aínda que “non se descarta proseguir cos envíos durante a fin de semana debido á gran acollida que tivo a iniciativa”, indica Cristina.
Dende que arrincaron con este proxecto humanitario, cada día saen cara Valdeorras e diferentes zonas do sueste de Galicia, dúas furgonetas e un coche co material baixo a coordinación de Protección Civil. “No Barco falamos con Chus, en Viana con Cristina… Queremos que a xente saiba que o que manda, chega. Para asegurarnos enviamos unha foto dos produtos que saen da Coruña e recibimos outra co que chega alá. Nada disto sería posible sen a colaboración de todos os voluntarios que fan quilómetros dunha punta á outra de Galicia para que todo chegue”, apunta Cristina.
Coas peores imaxes da maior catástrofe forestal vivida en Valdeorras todavía na retina, Cristina opina que “é emocionante ver que se estea interesando tanta xente”. O certo é que, a pesar da urxencia coa que se puxo todo en marcha o dispositivo tivo unha gran acollida.
Texto: Miguel Gómez Longo.
Fotos feitas por Raquel e Cristina.