CulturaCulturaÚltima hora

Meda (A Veiga) mantén as festas de Santa María con cambios pola vaga de incendios

 

A aldea de Meda, no concello de A Veiga, celebrará os días 25 e 26 de agosto as súas tradicionais festas patronais na honra a Santa María. Malia a consternación que provocaron os incendios destes días, a Comisión de Festas decidiu manter parte da programación pero cunha serie de modificacións. Dende a comisión explican “debido os momentos tan difíciles vividos polos incendios que asolagaron a nosa comarca, e co corazón dividido entre a prudencia e a necesidade de seguir adiante, decidimos manter unha parte das nosas festas como forma de xuntanza e alento para a veciñanza “.

O luns 25 adíase toda a programación agás a tradicional Noite do carro, que terá lugar á medianoite, percorrendo as rúas da aldea cun ambiente único e cheo de simbolismo. Nesta peculiar tradición, un carro percorre as rúas da aldea anunciando a festa co seu son característico, creando unha atmosfera máxica e cargada de simbolismo.

O martes 26, os actos continuarán dende primeiras horas da mañá como estaban previstos. Ás 11:00 h, a Charanga Nova de Trives percorrerá as rúas animando co seu pasarrúas e, ás 13:00 h, terá lugar a misa solemne na honra a Santa María, seguida da tradicional procesión e sesión vermú acompañada pola mesma charanga.

 

 

Xa pola tarde, a partir das 18:00 h, haberá actividades pensadas para todos os públicos, entre elas o xa tradicional Campionato de Bolos e a Festa da Auga, dúas propostas espectaculares para reunir a veciñanza e visitantes. Ás 21:00 h dará comezo o baile de tarde a cargo do Grupo Lume, que poñerá ritmo a tarde-noite. Unha vez rematado o pase, realizarase a entrega de premios e o sorteo das rifas.

A xornada culminará a partir da 01:00 h cunha gran verbena a cargo do Grupo Lume, seguida do fin de festa da man da Discomóbil Opium (DJ Isra), ata que “o corpo aguante”.

Dende a Comisión de Festas anímase a toda a veciñanza e visitantes “a participar destas celebracións”.

Fotos cedidas.

 

Back to top button