O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalaba neste venres a necesidade de manter cando menos a presenza do Exército en Galicia durante a fin de semana para axudar en labores de contención e recanalización.
Na súa visita aos viñedos da Adega Tapias Mariñán afectados polo lume, en Verín, o titular do Goberno galego destacou que, se ben na provincia de Ourense a situación está “evolucionando de xeito positivo”, non se pode “baixar a garda” e que “seguimos necesitando axuda”.
Neste sentido, Rueda agradeceu a presenza do Exército sobre o terreo e sinalou que, segundo as recomendacións dos técnicos do CECOP, antes da desescalada de medios dedicados a combater os lumes, sería axeitada a presenza cando menos do Exército tamén durante a fin de semana dadas as previsións meteorolóxicas e para axudar en labores de contención e recanalización antes das chuvias da vindeira semana, algo que están a demandar os concellos.
O presidente tamén se referiu ao impacto das lapas en zonas vitivinícolas “a poucos días da vendima”, xa que nalgúns casos serviron de cortalumes pero noutros “non foi posible salvalos”, e sinalou que a Xunta está a avaliar a extensión afectada e a reunirse coas Denominacións de Orixe.
Neste eido, o titular do Executivo galego indicou que, ao igual que en todas as zonas afectadas, veranse beneficiados polas axudas que se lanzarán a semana que vén despois da realización dun Consello extraordinario en Ourense, previa avaliación da situación global das rexións e persoas damnificadas. Tal e como destacou Rueda, buscarase “poder pagalas canto antes”.