ConcellosO BoloÚltima hora

Escavación dunha olaría de cerámica tradicional do século XVIII no Seixo (O Bolo)

A intervención contará cun programa de visitas guiadas diarias

Tal como avanzaban dende o Concello do Bolo hai xa uns meses, na primeira semana de setembro terá lugar a escavación arqueolóxica dunha olaría de cerámica tradicional na localidade de O Seixo.

A intervención, que será desenvolvida pola Asociación Científica Sputnik Labrego e financiada polo concello do Bolo a través de fondos do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MiTEco), forma parte do proxecto ‘O Bolo: Hub de Iniciativas Sostibles Municipais’ que ten como obxectivo converter ao concello do Bolo nun referente da innovación e resiliencia no medio rural.

“Con este proxecto, queremos apostar por un desenvolvemento integral e sostible a partir da colaboración do concello, a comunidade local e axentes externos que poidan xerar un impacto positivo e duradeiro para o territorio”, explica Soledad Figueroa, técnica de turismo do concello do Bolo “un territorio que foi golpeado polos recentes incendios e que precisa de actividades sostibles para recuperalo”.

 

 

A intervención arqueolóxica centrarase nunha olaría de cerámica de época moderna situada moi próxima á poboación do Seixo. “Sería unha das primeiras ocasións nas que se escavaría arqueolóxicamente unha olaría de cerámica tradicional galega”, comenta Carlos Tejerizo, da Asociación Sputnik Labrego e director da intervención, asegurando que coñecen o sitio grazas “á información de José Fernández, un veciño da bisbarra, que entendeu o gran potencial do sitio, que ademais foi unha zona de explotación de cobre durante milenios. Grazas á vontade do concello do Bolo e do seu alcalde para conseguir os permisos necesarios podemos sacar á luz un espazo que dará moita información sobre as economías tradicionais da zona”, remata Tejerizo.

A escavación contará cun ambicioso programa de visitas guiadas diarias para dar a coñecer os resultados de xeito inmediato á poboación local e as comunidades da contorna. Aínda que se poden visitar as escavacións en calquera momento entre as 10 e as 15 horas, faranse visitas guiadas específicas todos os días as 11 horas, co punto de quedada na igrexa de Santo Anxo do Seixo.

Os resultados máis pormenorizados daranse a coñecer o 25 de outubro nunha xornada de conferencias no Castelo do Bolo.

 

Back to top button