ConcellosQuirogaÚltima hora

O incendio da Pobra de Brollón, que afecta a Quiroga, segue activo pero desactívase a Situación 2

Incendio da Pobra de Brollón que afecta a Quiroga./ Foto: TTM Quiroga.

 

Segundo vén de informar a primeira hora desta tarde a Consellería do Medio Rural, desactivouse a Situación 2 no incendio forestal da Pobra do Brollón-Abrence e procedeuse á estabilización do lumes rexistrado na Fonsagrada-San Pedro de Río (40 hectáreas).

Así, desde as 13.06 horas o lunes está activo un incendio forestal no concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Neste lume acábase de desactivar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 56 axentes, 61 brigadas, 51 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Dende o Concello de Quiroga sinálase que “este incendio, ademais do desastre ambiental, tivo a maioría da poboación da comarca, sen cobertura de telefonía móbil causando un caos total e absoluto. O servizo quedou restablecido aínda hoxe pola tarde. O que aínda non se puido restablecer foron as incidencias na línea ferroviaria tendo que desprazar aos viaxeiros en autobuses”.

Ademais o Concello lembra que este incendio “pasou ao noso municipio por o lado do Lor baixo, afectando con moita forza e poñendo en perigo a Castí, San Pedro, Santa Andrea e Freixeiro. O lume aínda non está estabilizado e os medios continúan traballando na zona, xa que onte pola tarde as lapas conseguiron cruzar o río Sil no lugar de Augas Mestas, chegando as proximidades do núcleo de Castro de Abaixo, sen revestir perigo para a veciñanza. Este mesmo lume chegou a zona de Castro Dares no que onte pola noite traballaban arreo brigadistas, motobombas e veciños de Margaride con cisternas con auga para axudar a sofocar o lume”.

Actualmente continúan activos tres incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia. Trátase dos das Pobra do Brollón-Abrence na provincia de Lugo, e dos de Avión-Nieva e de Carballeda de Valdeorras-Casaio, na de Ourense.

Back to top button