En portadaÚltima hora

O Colexio de Arquitectos de Galicia anuncia unha serie de medidas de apoio aos afectados polos lumes

Ademais fai unha chamada á sociedade galega: "A preservación das zonas despoboadas non pode recaer só nos seus habitantes: é unha responsabilidade colectiva"

Imaxe da aldea de San Vicente de Leira (Vilamartín), destruída polo lume./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) vén de emitir un comunicado de prensa con relación á última vaga de incendios forestais en Galicia, na que amosan “a súa solidariedade coas persoas e comunidades afectadas polos incendios”, así como “o seu recoñecemento a quen, con coraxe e entrega, traballa sen descanso na súa extinción”, cunha especial referencia ao incendio de Seadur (Larouco), que arrasaba máis de 30.000 has en Valdeorras.

Este organismo asegura que n”on pode permanecer alleo a esta emerxencia. Do mesmo xeito que xa fixo en ocasións anteriores, acorda habilitar un fondo de emerxencia para:

•Asumir os gastos de visado e rexistro dos traballos de rehabilitación ou obra nova en inmobles afectados.

•Facilitar o labor de inspección técnica nos edificios danados.

•Ofrecer apoio técnico as persoas colexiadas e á cidadanía afectada, para acompañar o proceso de recuperación.

•Crear unha bolsa de voluntarios/as para os traballos de maior urxencia”.

O COAG apunta que estas medidas “pretenden ser un xesto útil e inmediato, que complemente as axudas públicas que se convoquen pola Xunta de Galicia e polo Estado, e que alivie, polo menos en parte, a pesada carga que sofren familias, concellos e comunidades que o perderon todo entre as cinzas”.

Por outra banda, o GOAG fai unha chamada á reflexión colectiva. “Galicia é hoxe a rexión con maior superficie forestal de Europa. Iso significa tamén maior carga de combustible. Se non reducimos esa carga, se non planificamos con intelixencia, se non devolvemos vida e economía ao rural, os incendios serán cada vez máis virulentos e devastadores”, asegura este colexio profesional.

Ademais incide en que “cómpre unha xestión territorial e forestal planificada, adaptada ás características de cada territorio, que devolva o mosaico agrario e forestal que frea o lume. Cómpre apostar por especies autóctonas máis resilientes, apoiar as explotacións agrogandeiras, fomentar o aproveitamento sostible e frear a expansión descontrolada do eucalipto. Cómpre, sobre todo, entender que o futuro de Galicia se xoga tamén no monte, e que non podemos seguir permitindo que arda ano tras ano coma se fose un destino inevitable”.

Ao mesmo tempo fai unha clara chamada de atención á implicación do conxunto da sociedade galega. “A preservación das zonas despoboadas non pode recaer só nos seus habitantes: é unha responsabilidade colectiva. As chamadas recentes tanto do presidente da Xunta como do presidente do Goberno á previsión e a un pacto de Estado son pasos benvidos, pero deben materializarse nun modelo de ordenación territorial máis ambicioso e eficaz.

“A nosa voz, a nosa responsabilidade”

O COAG manifesta neste comunicado que se compromete “a colaborar coas administracións, coas entidades sociais e cos profesionais na procura dun modelo territorial máis seguro, sostible e humano. Porque o lume non só arrasa árbores: arrasa aldeas, paisaxes, modos de vida, cultura e tamén memoria. Pedímoslle á cidadanía galega que non perda a esperanza: das cinzas pode nacer un territorio mellor coidado, se somos quen de aprender a lección. E pedímoslle ás institucións que actúen con valentía, porque a resposta a esta vaga de incendios non pode ser só apagar o lume de hoxe, senón evitar o de mañá”.

Back to top button