
Durante a rolda de prensa do Consello da Xunta extraordinario que se celebraba esta mañá en Ourense para facer balance e abordar as axudas aos afectados polos incendios forestais, o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, era preguntado pola situación na que se atopa o vertedoiro da Rúa, que segue ardendo tras verse afectado polo lume de Seadur (Larouco), xerando unha nube tóxica que se estende dende entón por Valdeorras e xerando unha gran preocupación entre a veciñanza.
Alfonso Rueda respondía matizando que se trata “dun vertedoiro municipal, con sancións por parte da Xunta de Galicia ademais. Creo que non hai ningunha dúbida da vontade da Xunta de Galicia por axudar incluso sen límites orzamentarios para reparar todos os danos que sexan necesarios, pero a portura de dicir un vertedoiro municipal, non regularizado ademais, que é un problema da Xunta e que non ten nada que ver o Concello, que é o titular, isto é complicado de entender. Entón chamo á responsabilidade, cada un que faga o que ten que facer, e despois a axuda das administracións”.

Neste senso, referíase de xeito directo á Deputación de Ourense, “que está en contacto coa alcaldesa da Rúa para ofrecer axuda da Deputación no que necesite para o que haxa que facer nese vertedoiro. E o que me transmite tamén o presidente da Deputación é que está á espera de que sobre ese vertedoiro lle digan o que necesitan e cal é a axuda da Deputación. Desentenderse non é a solución, tamén o podíamos facer nós e dicir que o arranxen outras administracións, polo tanto, o Concello da Rúa terá que implicarse tamén e a Deputación está disposta a axudar”.
Rueda concluía insistindo en que “a solución do vertedoiro da Rúa está en mans do Concello agora mesmo, desentenderse e dicir que o arranxemos nós non é a solución”.