CulturaCulturaÚltima hora

Ribadavia regresa á Idade Media coa XXXVI Festa da Istoria

Hoxe foi o día grande co Desfile (pregón e o nomeamento de Notables), o Mercado Medieval, o Baile Medieval, a Voda Xudía, o Xadrez Vivente, os duelos de cabaleiros, a cetrería ou o Gran Torneo Medieval na Veronza

 

A programación da XXXVI Festa da Istoria, elaborada pola Asociación Coordinadora Festa da Istoria co apoio imprescindible máis de 500 voluntarias e voluntarios, inclúe máis de 30 actividades que encherán de música, teatro, xogos, gastronomía e recreacións históricas os recunchos máis senlleiros da vila.

 

 

O venres 29, a antesala do gran día, arrancaba co X Concurso de Pintura Rápida e coa apertura do Campamento Medieval no Castelo dos Sarmiento, onde pequenos e maiores mergulláronse nos oficios e saberes doutros tempos. Pola tarde, as obras do concurso expuxéronse no club artístico, e ás 21 horas comezaba un dos momentos máis simbólicos: a lectura do Bando da Istoria, acompañada polos Tabaleiros. A música e o teatro daban vida á noite con actuacións do Coro da Istoria, Ensemble La Lira, Kantantibus, Pandereteiras, O Malsín e o Grupo Coanhadeira.

 

 

Con todo, o día grande é hoxe, sábado 30, coas citas máis agardadas: o Gran Desfile da Istoria (co pregón a cargo de Pedro Valderey e o nomeamento de Notables), o Mercado Medieval, o Baile Medieval, a Voda Xudía, o Xadrez Vivente, os duelos de cabaleiros, a cetrería ou o Gran Torneo Medieval na Veronza.

 

 

Ata as 19 horas era preciso vestir traxe medieval para entrar no Castelo, para asistir a recreacións como a vestimenta dun mercenario do século XV. De 19 a 22, a entrada é libre. Como cada ano, o Banco da Alhóndiga permite cambiar euros por marabedís ata as 22 horas, un xesto sinxelo pero fundamental que axuda a soster e mellorar a nosa festa. A xornada pecharase coa música tradicional de Tanto Nos Ten, que porán a bailar a Praza de San Martiño dende as 23 horas.

 

 

Mañá, domingo 31 de agosto, o Mercado Medieval seguirá aberto de 12 a 22 horas, acompañado de música e animación polas rúas, para despedir con alegría e agradecemento a XXXVI Festa da Istoria.

 

Back to top button