EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A Cooperativa Xesús Nazareno-Vinos Barco inicia unha vendima marcada pola “fortaleza ante a adversidade”

Os incendios deixaron unha marca significativa na paisaxe vitivinícola de Valdeorras, impactando ao redor do 5% dos viñedos pertencentes aos seus socios

Cedida.

 

A Adega Cooperativa Xesús Nazareno-Vinos Barco vén iniciar a vendima 2025, que se desenvolverá do 4 ao 18 de setembro nun contexto “especialmente desafiante tras os recentes incendios forestais que marcaron á comarca de Valdeorras”. As recentes choivas que caeron na “foron un alivio para os viñedos, permitindo que as cepas se liberen dos restos de cinza acumulados tras os incendios. Así, asegúrase que a vendima 2025 se leve a cabo baixo as mellores condicións para a elaboración de viños que continúen honrando a tradición e excelencia de Valdeorras. Desta forma, a cooperativa mantén o seu compromiso coa elaboración de viños de calidade que reflicten a esencia deste territorio único”, indican.

Dende Vinos Barcos tamén se incide en que os incendios “deixaron unha pegada profunda na paisaxe vitícola da zona, afectando aproximadamente a un 5% do viñedo da cooperativa. A devastación estendeuse máis aló das vides, cos viticultores de Viñnos Barco enfrontando a perda do 70% dos seus castiñeiros, ecosistemas centenarios que formaban parte do patrimonio natural e cultural da rexión. Esta perda representa non só un impacto económico, senón tamén a desaparición dunha tradición agrícola arraigada no territorio”.

Os viñedos da cooperativa demostraron actuar como “devasas naturais, creando barreiras verdes que contiveron o avance das chamas por áreas circundantes. Esta característica puxo de manifesto o valor ecolóxico e protector da viticultura na rexión, consolidando a importancia estratéxica de manter e protexer estes cultivos ancestrais”, sinalan dende a adega.

 

Viticultores coa colleita na cooperativa, nunha campaña anterior./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Esta vendima representa a nosa fortaleza e determinación”, afirma Alfredo Vázquez, xerente da cooperativa. “Os viñedos demostraron ser barreiras naturais contra o lume, protexendo a nosa terra e a nosa comunidade” polo que esperamos que se teña en conta para novas medidas de prevención contra incendios.

A cooperativa agarda con expectación as medidas de apoio que poidan implementarse desde a Consellería do Medio Rural á que fixo chegar a necesidade dun respaldo institucional para a recuperación e fortalecemento do sector vitivinícola na zona afectada.

Vinos Barco é unha adega situada no Barco de Valdeorras, Ourense. Pode presumir de que o primeiro viño Godello de España se embotellara nas súas instalacións. Nace como cooperativa en 1958 e catro anos máis tarde arrinca coa primeira colleita. Así, conta coa primeira planta embotelladora de viño da comarca de Valdeorras e unha das primeiras de Galicia cuns 800 pequenos produtores.

 

Back to top button