EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Máis de 35.000 degustacións vendidas na XVIII Feira do Viño de Monterrei, en Verín

 

A Feira do Viño de Monterrei superaba todas as previsións, e a última edición clausurábase cun incremento tanto do número de visitantes como de degustacións, tal e como vén de facer público a súa organización.

Nesta ocasión vendéronse máis de 35.000 durante os tres días de feira, “o que supón un éxito histórico”, destaca o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez, “non só pola cifra de degustacións senón tamén polo de botellas vendidas, que demostra que cada ano son máis os grupos de amigos e familias que acoden de forma conxunta a gozar da feira”.

Este aumento na cifra de asistentes foi, fundamentalmente, no público novo. Un dato relevante porque “reflicte o achegamento dos mozos ao mundo do viño”, indica o presidente. Ademais de visitantes doutras zonas do país, aproveitando a época de descanso estival, tamén se detectou o incremento de asistentes do norte de Portugal.

Con respecto ás diferentes catas programadas para esta edición, as mesmas colgaron o cartel de completo, do mesmo xeito que as actividades destinadas ao público infantil, “tivemos mesmo xente en lista de espera”, lembra Vázquez.

O presidente tamén destaca “o incremento e diversidade das casetas de gastronomía, valorados positivamente polos asistentes como acompañamento para os viños”. E indica que, “desde o Consello Regulador queremos agradecer a implicación das adegas participantes nesta edición, xa que sen elas a Feira do Viño de Monterrei non tería este éxito, ademais da colaboración indispensable do Concello de Verín, e en particular de todos os operarios que traballaron para que este evento fose posible, así como da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Policía Local ou Guardia Civil, entre outros”.

Back to top button