
O domingo día 7, entre as catro e media da tarde e as sete, na igrexa de Santa María da Ermida, desenvolverase un obradoiro de “Toque manual de campás”.Primeiro comezarase cunha demostración de toques e despois continuarase co obradoiro gratuíto e sen inscrición previa. O obradoiro está organizado pola Unidade de Acción Pastoral de Quiroga – Courel, en colaboración coa Asociación de Campaneiros de Galicia.
A finalidade deste obradoiro de toque manual de campás é preservar un legado recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade ademais de ser unha arte sonora que definiu a identidade de innumerables comunidades ao longo dos séculos.
O obradoiro, según o párroco Jesús Río, quere salvagardar esta tradición, está deseñado para profundar nos aspectos técnicos e culturais desta práctica ancestral. Ofrecerá aos participantes a oportunidade de coñecer e executar os repeniques, volteos e toque que transmiten mensaxes específicas á comunidade, entendendo o seu simbolismo e a súa función social.
A actividade, poñerá en valor a mecánica e a acústica das campás, instrumentos que a pesar da súa antigüidade, seguen sendo unha ferramenta de comunicación vital para as comunidades cristiás.
O taller completamente gratuíto e aberto a todos os públicos, representa, en palabras do párroco, un esforzo por garantir a transmisión dun coñecemento que doutra forma podería perderse, á vez que invita á comunidade a ser partícipe activa da conservación dun tesouro cultural que transcende fronteiras.