ConcellosO BarcoÚltima hora

O presidente da Xunta comprométese co alcalde do Barco a “cofinanciar o subministro de auga a Outarelo”

 

Na mañá deste xoves 4 de setembro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibía en Santiago de Compostela ao alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, que acudía á cita acompañado polo ata agora rexedor, Alfredo García, para “plantexarlle diferentes proxectos de interese para o Concello barquense”.

Na xuntanza, Rueda “comprometeuse a asinar a un convenio para a cofinanciación do abastecemento de augas, bombeo e construción de novo depósito na localidade de Outarelo”, tal como indican dende o Concello do Barco. Trátase dunha obra cun custo de 296.000 euros, que serían financiados nun 80% por Augas de Galicia, organismo que está nestes momentos supervisando o proxecto elaborado polos servizos técnicos do Concello.

O rexedor local plantexou tamén ao presidente a “necesidade de que o Consorcio Galego de Servizos e Igualdade asuma a Escola Infantil Municipal, e que pase a formar parte da rede de escolas da Xunta”, tal como explican dende o Concello, adiantando que esta cuestión será sometida a estudo, ao igual que a financiación, por parte da Xunta, da segunda fase das obras de ampliación das instalacións da Escola Infantil, cuxo proxecto está en proceso de redacción.

Por último, o alcalde daba a coñecer ao presidente da Xunta o proxecto que están a elaborar no Concello. “Esperamos contar con fondos europeos, para a posta en marcha dun Centro de Interpretación da Minería, buscando o apoio do goberno galego para a creación futura deste centro e a súa posta en funcionamento”, conclúen dende o Concello do Barco de Valdeorras.

Back to top button