CulturaCulturaÚltima hora

Escavación arqueolóxica no Seixo (O Bolo) e posterior posta en valor dunha olería do século XVIII

O subdelegado do Goberno en Ourense visitaba esta actuación, titulada "O Bolo: Hub de iniciativas Sustentables Municipais", beneficiaria dunha axuda de 180.000€ do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reafirmou hoxe no Bolo a aposta do Goberno de España polo rural, “con actuacións que poñen en valor o patrimonio cultural e arqueolóxico da provincia de Ourense”. Fíxoo durante unha visita a unha escavación arqueolóxica que executa o Concello do Bolo, grazas á liña de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destinada a entidades locais.

Acompañado do alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, o subdelegado supervisou o final da primeira fase desta intervención, que consiste na escavación arqueolóxica e posterior posta en valor dunha olería do século XVIII no núcleo do Seixo. A Asociación Científica Sputnik Labrego, encargada dos traballos, xa atopou varios quilos de cerámica que será analizada e catro fornos que facían da zona un importante centro de olería para toda Galicia.

Eladio Santos explicou que esta actuación contribúe ao coñecemento da historia e da identidade cultural da provincia de Ourense e tamén abre a porta a novas posibilidades en materia de turismo sostible e desenvolvemento local. “O achado que se está facendo aquí permitirá, no futuro, converter este espazo nun recurso visitable, que poña en valor a riqueza patrimonial do Bolo”, resaltou.

Tamén destacou a importancia de proxectos como este na loita contra o despoboamento. “Estas son as políticas do Goberno de España, as que permiten actuacións reais, que xeran oportunidades no territorio e que poñen en valor o rural, dun xeito respectuoso co medio ambiente”, sostivo Santos.

Finalmente, o subdelegado felicitou ao Concello do Bolo e á asociación científica Sputnik Labrego pola súa implicación e eficacia na actuación, xa que a fase de escavación remata esta semana e os resultados presentaranse a finais de outubro.

 

 

 

Liña de axudas

O estudo arqueolóxico forma parte do proxecto “O Bolo: Hub de iniciativas Sustentables Municipais”, que resultou beneficiario este ano dunha axuda de 180.000€ do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destinada a impulsar a innovación en entidades locais. Esta liña de axudas repartiu na provincia de Ourense preto de 650.000€ para catro concellos: O Bolo, Parada de Sil, Entrimo e Vilar de Barrio.

Turismo

Ademais desta inversión, Eladio Santos puxo en valor que o Concello do Bolo forma parte tamén do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Valdeorras, ruta do viño milenaria’, que impulsa e financia exclusivamente o Ministerio de Industria e Turismo con 1,5 millóns de euros de fondos Next Generation.

Back to top button