OurenseÚltima hora

Roberto Verino rende homenaxe a Giorgio Armani: “Seguirá sendo o meu ídolo”

 

Con profunda tristeza, o deseñador ourensán Roberto Verino quixo render homenaxe a Giorgio Armani tras coñecerse o seu falecemento, lembrando o seu papel como un dos grandes referentes da moda contemporánea e destacando a pegada indeleble que deixa na historia da creatividade e o deseño.

“Estou verdadeiramente apenado, xa que Armani foi, sen dúbida, un grande da moda, que soubo interpretar moi ben as necesidades dun consumidor para facelo gozar dunha autoestima que o faría sentirse moi ben”, declara Verino.

Na súa reflexión, o creador galego subliña a capacidade única de Armani para trasladar a elegancia a un público que buscaba unha nova linguaxe estética, onde a funcionalidade non estivese rifada coa beleza. “Para min, foi Yves Saint Laurent o mestre que interpretou a sastrería masculina levada á muller con auténtico encanto. Armani soubo levar esas propostas, ata entón inéditas, a un mercado novo, desexoso de demostrar que o funcional non está rifado co belo. Os seus exquisitos tecidos, as súas cores atemporales e a súa funcionalidade fixérono o deseñador preferido dunha inmensa clase social que pedía o seu sitio.”

Verino non oculta a emoción nas súas palabras. “Estou moi apenado e triste. A miña admiración cara ao seu traballo deixeino sempre moi claro en multitude de oportunidades que tiven para falar do que a moda pode facer para que as persoas sexan felices. Seguirá sendo o meu ídolo. Grazas, Giorgio Armani, por un legado tan entusiasta na procura da beleza. Seguirás vivo na nosa memoria. DEP.”

Este recoñecemento reflicte non só a influencia de Armani no panorama internacional, senón tamén o diálogo creativo que mantivo con outros grandes deseñadores do seu tempo. A súa visión estética e a súa maneira de entender a moda como un vehículo de autoestima e felicidade perdurarán como fonte de inspiración para as próximas xeracións.

Back to top button