A portavoz nacional, Ana Pontón, considerou “insuficientes” as axudas articuladas para as e os afectados pola vaga de lumes e avogou por incrementar até os 200.000 euros as destinadas a vivenda, abrir unha nova de 6.000 euros para persoas autónomas ou cooperativas para gastos de difícil xustificación e que as axudas recollan o lucro cesante.
Así o dicía onte, 4 de setembro, durante a visita a unha adega en Petín, nunha visita na que estivo acompañada pola alcaldesa da Rúa, María Albert, o deputado Secundino Fernández, e responsables políticos na comarca e durante a que mantivo un encontro con representantes dalgúns sectores afectados, entre eles o vitivinícola.
Pontón considerou “fundamental” que ningunha explotación agraria nin ningún sector económico se paralice despois dos lumes e poidan continuar desenvolvendo a súa actividade e apelou a que a “catástrofe” desta vaga de lumes sexa “un punto de inflexión” para reordenar o territorio e apostar por un novo modelo forestal, fronte ás políticas do Goberno do PP que “desprotexen o territorio”.
Neste sentido, tamén defendeu a necesidade de incrementar as franxas de seguridade sobre os núcleos de poboación a 100 metros, para o que propuxo a creación dun fondo extraordinario por parte da Xunta que permita garantir que “esas franxas pasen do papel á realidade” e que a situación non se volva desbordar nunca máis de tal modo o lume chegue ás casas ou que, advertiu, sexa a propia veciñanza “a que teña que salvar os seus fogares coas súas propias mans”.
Medidas todas elas que se atopan entre as máis de 50 propostas concretas deseñadas polo goberno alternativo do BNG no seu plan integral ‘Da Cinza á Vida’ co obxectivo de evitar que se repitan as vagas de incendios e darlle futuro ao rural e que a portavoz nacional abordou na súa reunión cos sectores afectados en Valdeorras.
A líder nacionalista amosou a súa preocupación por como se vai acometer a reconstrución dos territorios danados e recordou que esta comarca, unha das máis afectadas, xa sufrira antes polos lumes con moitos compromisos por parte do Goberno do PP en 2022 que “quedaron en promesas”, sen que se tomaran realmente medidas para protexer mellor a poboación ou mudar o “modelo fracasado do Partido Popular”.
Pontón reprobou a “xestión neglixente” desta crise de lumes onde a Xunta estivo “desbordada e sobrepasada”, con “situacións de verdadeiro caos”, e desatendendo as súas responsabilidades.
“E isto aquí na Rua é moi fácil de entender porque a Xunta desentendeuse da extinción dun incendio que afectaba a un vertedoiro provocando ademais un risco para a saúde pública de todos os veciños e veciñas non só deste concello, senón dos concellos limítrofes”, explicou xunto á rexedora do concello, María Albert, quen tamén se referiu a un vertedoiro do que dixo “se está a extinguir despois de moito traballo municipal por conseguir que as Administracións se fixeran cargo das súas responsabilidades” e que agradeceu a visita da portavoz nacional a unha parte do País onde “pasaron cousas terribles” que, remarcou, non “poden volver a ocorrer”.
Neste contexto, a líder nacionalista rematou avanzando que o BNG reclamará á Xunta que achegue recursos “non só para o clausurado deste vertedoiro, senón tamén para que se faga cargo da solución deste problema que vai a haber para o futuro” e reiterando que a formación nacionalista exixirá responsabilidades ao Goberno de Rueda pola súa “deixadez de funcións” e pola súa neglixente xestión desta vaga de lumes.

Visita a Quiroga e á Pobra do Brollón
A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse esta tarde aos concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón para avaliar de primeira man o impacto da vaga de incendios do pasado mes de agosto, unha “auténtica catástrofe ambiental, social e económica” que, recalcou, “ten que ser un punto de inflexión para que algo así non volva suceder”.
Pontón explicou algunhas das máis de 50 medidas concretas que, precisamente co obxectivo de evitar que se repitan as vagas de lumes e darlle futuro ao rural, presentou o goberno alternativo do BNG no seu plan integral ‘Da cinza á Vida’. Entre elas, destacou a necesidade de aumentar a 100 metros as franxas de protección a vivendas e núcleos de poboación, para o que propuxo a creación dun fondo extraordinario por parte da Xunta que garante a súa execución.
“É fundamental que protexamos mellor as vivendas”, salientou logo de percorrer parte das zonas afectadas xunto ao alcalde da Pobra do Brollon, Xosé Luís Maceda; o segundo tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández; a deputada Montserrat Valcárcel e os deputados Secundino Fernández e Iago Suárez; o deputado provincial Daniel García e responsables políticos da comarca.
Fotos: Carlos G. Hervella/ cedidas.