O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, erixiu hoxe o campamento militar romano Aquis Querquennis, no municipio ourensán de Bande, como “referente do potencial que ten o patrimonio histórico no turismo cultural de Galicia”. Fíxoo durante a súa participación nos actos centrais de celebración dos 50 anos do inicio destas escavacións arqueolóxicas, situadas no lugar de Baños.
O representante da Xunta lembrou que estes traballos se iniciaron en 1975 da man do profesor e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, e continuaron despois da man do valdeorrés Santiago Ferrer, “e, desde entón, este enclave consolidou o seu papel como recurso patrimonial, cultural, didáctico e turístico”, subliñou en referencia a que este Ben de Interese Cultural recibe cada ano unha media de 30.000 visitantes.
Precisamente, destacou que para a celebración do medio século de inicio destas escavacións a Xunta colabora con preto de 8.500€ coa exposición conmemorativa dos 50 anos, na que se fai un percorrido polos traballos arqueolóxicos “co obxectivo de achegar a cidadanía ao valor dos logros acadados, aos avances no coñecemento do mundo romano en Galicia e á relevancia que ten este xacemento no contexto da investigación patrimonial en Europa”.
Plan de actuacións arqueolóxicas 2025
Finalmente, o conselleiro encadrou este apoio dentro do “total compromiso” do Goberno galego non só coa recuperación e conservación de todos os bens patrimoniais do territorio da Comunidade, “senón tamén coa súa posta en valor e divulgación”. Ao respecto, puxo como exemplo desta implicación o Plan de actuacións arqueolóxicas deste ano “ao que destinamos 1,5 M€ para 81 accións en xacementos”.
O responsable de Patrimonio da Xunta explicou que se trata dunha “folla de ruta que durante os últimos anos propiciou a posta en valor do patrimonio máis senlleiro da Comunidade”, ao tempo que destacou que neste 2025 “aumentou de maneira considerable a partida reservada para arqueoloxía, acorde ao incremento do número lugares históricos e de actuacións destinadas ao acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación dos nosos bens culturais”, concluíu.