OurenseÚltima hora

Cazadores de 16 Tecores da provincia, entre eles o de Rubiá, reúnense para analizar as consecuencias dos incendios

 

As directivas de dezaseis Tecores (Terreos Cinexeticamente Ordenados) afectados polos recentes incendios reuníronse en Riós para analizar as consecuencias do desastre e buscar solucións. O encontro serviu para avaliar o alcance dos danos, que varían desde unha pequena porcentaxe ata a destrución total do territorio nalgunhas zonas.

O principal obxectivo da reunión foi poñer en común as diferentes situacións e coordinar unha resposta. Informouse detalladamente aos participantes sobre as axudas da Consellería de Medio Ambiente, buscando axilizar a tramitación para as sociedades de cazadores.

Durante o debate, elaboráronse unha serie de propostas para presentar á Consellería, co fin de atopar solucións que permitan a supervivencia dos Tecores máis afectados.

Un dos temas que máis preocupan aos directivos é o futuro dos cazadores máis veteranos, especialmente os de caza menor. Para moitos deles, enfrontarse a unha prohibición de caza de varios anos nos seus Tecores podería significar o abandono definitivo da súa afección. Aínda que os cazadores de caza maior adoitan adaptarse mellor a estas situacións, ao estar afeitos cazar en zonas máis amplas, o impacto na caza menor considérase “traumático”. A reunión tamén puxo de manifesto a grave perda que este desastre supoñerá para a riqueza xenética do patrimonio natural de especies como o coello, a lebre e a perdiz.

 

 

O encontro concluíu cun chamamento á solidariedade, ao que responderon varios Tecores con menos danos, mostrando a súa disposición para colaborar e facilitar a práctica da caza a aqueles que se quedaron sen terreos onde cazar.

Nos próximos días, a maioría das xuntas directivas presentes convocarán asembleas de socios para tomar decisións sobre como afrontar esta nova realidade.

UNITEGA quere agradecer o esforzo das directivas que estiveron presentes na reunión e que representaron aos Tecores de O Toko de Oímbra, Cualedro, Serra do Larouco, Carreiro Ladrón, A Mezquita, Laza, Manzaneda, Rubiá, Xinzo de Limia, Monterrei, Castrelo do Val, Pixeiros, A Gudiña, Parada da Serra, Vilariño de Conso e Riós.

Back to top button