En portadaÚltima hora

Xunta Local de Seguridade sobre a etapa da Volta que sairá da avenida Conde Fenosa do Barco, o 10 de setembro

O subdelegado do Goberno en Ourense anima á cidadanía a desfrutar da competición “con responsabilidade e cumprindo as normas” para o correcto desenvolvemento da mesma

Xunta Local de Sguridade pola Volta, no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidía na mañá deste 8 de setembro a Xunta Local de Seguridade Extraordinaria do Barco de Valdeorras convocada con motivo da 17 etapa da Volta ciclista a España 2025, que sairá este mércores, 10 de setembro, desde a Avenida Conde de Fenosa, no centro do municipio. O obxectivo da reunión foi a coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade e do equipo encargado do evento para que sexa unha proba segura.

No encontro participaron tamén o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; a directora territorial da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na provincia de Ourense, Beatriz Fernández; representantes do equipo da Volta ciclista, e mandos e responsables da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local, para reforzar o dispositivo de seguridade que se vai despregar con motivo da competición, na que se espera unha importante afluencia de visitantes.

Eladio Santos trasladou o compromiso da Subdelegación do Goberno e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para garantir que a proba discorra con total normalidade e non lamentar ningunha incidencia. “Deseñamos un dispositivo amplo e perfectamente coordinado para que este importante evento saia adiante con éxito”, explicou.

 

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, presidiu a xunta./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Neste sentido, o subdelegado puxo en valor a coordinación e colaboración da Policía Local, a Garda Civil e o equipo da Volta ciclista, “que fan un esforzo adicional para garantir a seguridade do evento”. Para conseguilo, pediu tamén a colaboración da cidadanía e animou a veciños, veciñas e visitantes a desfrutar da competición “con responsabilidade e cumprindo as normas”.

A 17 etapa da Volta ciclista a España arrinca por primeira vez desde O Barco de Valdeorras o vindeiro mércores e seguirá ata o alto de El Morredero, no Bierzo, sumando 143 quilómetros. O dispositivo previsto centrarase en garantir a mobilidade, previr incidencias e ofrecer unha resposta eficaz, co obxectivo de que poida volver a celebrarse a saída dunha etapa desde o municipio.

 

Back to top button