OurenseÚltima hora

Comeza na Merca e Barbadás o programa “Saborea Ourense”

 

“Coñece e Saborea Ourense” é un ciclo de actividades de promoción dos valores naturais, culturais, turísticos e gastronómicos dos concellos que integran o territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 11) – ADERCOU, Comarca de Ourense. Trátase dun programa de balde grazas ao patrocinio deste GDR e Agader e executado por Surbia Natura.

O calendario de propostas iniciábase na pasada fin de semana na Merca e en Barbadás. O programa inclúe rutas de Sendeirismo temático interpretativo nos mellores entornos naturais de cada concello e degustacións de produtos locais e moito máis para desfrutar e coñocer este extenso e rico territorio da provincia de Ourense.

Así o sábado 6 de setembro a actividade, cuns 40 participantes, centrábase no municipio da Merca Principiaba unha pequena recepción aos asistentes por parte de representantes do Concello da Merca e do GDR, na explanada da minicentral da Merca, que tamén explicaban este proxecto de dinamización.

A partir de aí dábase paso a unha ruta  de sendeirismo interpretativa, que percorría a ruta da Canle do Ruca e parte da ruta de Broa, cun traxecto total duns 8 km, con paradas explicativas sobre a riqueza natural do río Arnoia, as singularidades da Canle do Ruca e os seus misterios, xa que nunca se usou.

Logo ían a Entrambosríos, xa para continuar pola ruta da Broa, aberta recentemente polo Concello. Tamén se visitaba a Capela do Carme e despois ascendíase ao Miradoiro da Airiña de Lera, habilitado tamén polo Concello. Ademais os asistentes tomaban parte nun xogo interpretativo por equipos para intentar averiguar a denominación que os veciños da zona lle dan a determinados accidentes xeográficos.

Xa na Merca ofrecíase unha degustación de produtos locais no Mesón do Labrego. a base de embutidos, carnes, requeixo ou mel. Tamén se organizaba un mercardiño e un apicultor local, Rubén, explicaba o seu proxecto.

Finalmente facíase unha visita ao valioso conxunto de canastros da Merca e tamén á exposición fotográfica de Outomuro, “Mulleres de outros mundos”.

 

 

Barbadás

Tamén na fin de semana pasada tiña lugar o “Coñece Saborea Barbadás”, desta volta o domingo 7 de setembro, cun intenso programa que se poñía en marcha no Restaurante Os Faroles, onde tiña lugar unha presentación, por parte do Concello, dos seus recursos turísticos, patrimoniais e gastronómicos.

Despois os participantes facían a Ruta do Tangaraño, que segue diversos carreiros entre bosques de árbores como sobreiras ou carballos e permite ver o Penedo do Tangaraño, cuxa lenda conta que tiña un poder curativo para enfermidades da pel e para o raquitismo. Logo, continuábase polo camiño de peregrinación cara San Benito de Cova, sobre cuxas orixes se ofrecían explicacións.

E, ao regreso, seguíase novamente ese camiño tradicional de peregrinación ata o Restaurante Os Faroles, onde tiña lugar unha degustación de produtos propios da zona, acompañados con viño de Trasalba (Amoeiro). Ademais un produtor loca, Terras Mancas, presentaba o seu proxecto.

Despois o alcalde de Barbadás ofrecía un percorrido pola parte antiga da aldea de Barbadás, cunha visita guiada tamén ao Museo da Gaita de Fole.

Fotos cedidas.

Back to top button