A RúaConcellosÚltima hora

Extinguido o incendio do vertedoiro municipal da Rúa, tras oito días de traballo

Os traballos asumidos pola Deputación a través da empresa especializada Tragsa, implicaron a mobilización de máis de 250 camións na zona

 

Na xornada deste martes 9 de setembro, tras oito días de intervención especializada na zona, dábanse por rematados os traballos de extinción do lume que afectaba ao vertedoiro municipal da Rúa, asumidos pola Deputación de Ourense a través dunha contratación de urxencia e a cargo da empresa Tragsa coas máximas garantías de seguridade e a mobilización de máis de 250 camións na zona para apagar o lume.

O pasado 30 de agosto, o presidente provincial, Luis Menor, trasladábase ata o Concello da Rúa para anunciar que a institución ourensá asumía de urxencia, trala petición formal da alcaldesa, María G. Albert, a extinción do incendio forestal que levaba dúas semanas afectando a este vertedoiro, de competencia municipal, e que ao citado concello lle supuña un custe económico e técnico dificilmente asumible. “Independentemente das nosas competencias, como Deputación estivemos sempre dispostos a cooperar, dando solución a unha emerxencia con total garantía nas obras”, lembra Menor.

Os traballos de extinción foron de gran complexidade polas propias características técnicas do vertedoiro e as condicións que afectan a saúde das persoas. Así, os técnicos empregaron maquinaria especializada para traballos consistentes na “asfixia” do material que ardía na zona, ata lograr a extinción completa do lume este martes.

Back to top button