
Ramona López, a Coballa, era unha muller ben coñecida na zona da praza de Quiroga que recorría a vila vendendo froita que levaba nun carriño. A súa imaxe protagoniza o novo mural de Quiroga promovido unha vez máis pola Asociación Quiroga en Marcha.
Nesta ocasión o lugar elixido para plasmar esta homenaxe a unha veciña da vila xa desaparecida é un edificio da avenida o Caurel, nas inmediacións da oficina de rehabilitación. O seu autor, o artista madrileño Román Linacero, pintor tamén do corredor co que se homenaxea ao Quiroga Trail Challenge, orgulloso de que os veciños recoñecen ao persoa que plasmou neste impresionante lenzo.
A Asociación Quiroga en Marcha quere destacar a boa dispoñibilidade dos propietarios do edificio para levar a cabo esta obra. Ademais agradece a colaboración económica prestada pola familia de Ramona López, A Coballa; polos propietarios do edificio e por varias empresas locais (Restaurante Aroza, Supermercado Covirán, Ouro de Quiroga, Quiroga Trail Challenge, Pub Tic Tac, Comunidade de Montes de A Conchada, Talleres Nadri, Hostal Quiper, Casa do Parral, Autocares Severo e PP de Quiroga e San Clodio).
Este novo mural súmase a ducia de obras coas que xa conta Quiroga na súa ruta Quiroga no Ar, moitos deles promovidos pola asociación quiroguesa. A pintura de Ramona contará en breve, con iluminación nocturna da que se encargará o Concello de Quiroga para que poida contemplarse tamén pola noite.