CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Kruder & Dorfmeister, Happy Mondays, Mercury Rev, León Benabente, Viva Belgrado e Dream Nails encabezan o cartel do IV Our Fest

O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, participou na presentación do evento se celebrará o 27 de setembro en Expourense

 

O Our Fest regresa o sábado 27 de setembro a Expourense da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, cunha cuarta edición que confirma á cidade das Burgas como “punto de encontro imprescindible para a música independente alternativa”. Así o presentou en rolda de prensa o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, nun acto que tivo lugar na cidade das Burgas.

Durante a súa intervención, Merelles subliñou que “co apoio dos Concertos do Xacobeo, en apenas tres edicións, Our Fest conseguiu atraer públicos de toda Galicia, distintas zonas da Península e o norte de Portugal, xerando impacto cultural e social e ofrecendo experiencias irrepetibles ao achegar artistas de culto que, en moitos casos, visitaban a nosa comunidade por primeira vez”.

 

 

O director de Turismo resaltou tamén, que “con esta cuarta edición, Our Fest e os Concertos do Xacobeo consolidan a súa identidade: un espazo cun cartel que reflicte pasado, presente e futuro da música alternativa, e coa ambición de seguir facendo de Ourense un lugar ao que mirar cada setembro”.

Este 2025, a Xunta de Galicia apoia un ano máis a celebración deste sinalado evento ourensán, cun cartel que se presenta como un dos máis ambiciosos ata a data. Desde Viena chegan Kruder & Dorfmeister en formato DJ Set, pioneiros do downtempo e o trip hop, cuxo legado marcou a toda unha xeración de oíntes. Xunto a eles estarán os lendarios Happy Mondays, responsables de dar forma ao movemento Madchester. Ademais, a psicodelia expansiva de Mercury Rev traerá unha das experiencias sonoras máis singulares desta edición.

 

 

No apartado estatal, León Benavente reafirman o seu lugar entre os grandes nomes do rock. Así mesmo, o espírito inquedo e renovador do festival reflíctese na presenza de Viva Belgrado, que tras doce anos de carreira e máis de trinta países ás súas costas transformaron a intensidade do post-hardcore nunha linguaxe propia. Finalmente, desde Londres chegan Dream Nails, trío punk feminista que combina furia e empatía nun discurso combativo e festivo a partes iguais.

A Xunta de Galicia “continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a máis de 160 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia”, dixo o director da Axencia, destacando que na provincia de Ourense suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, Our Fest, Ou Yeah!, Terrasón ou a Xira Lugares Máxicos 2025 de Carlos Núñez.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Back to top button