
A secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, visitaba esta mañá Vilariño de Conso, un dos concellos máis afectados por eses lumes, acompañada pola secretaria provincial do PP de Ourense, Sandra Quintas, a alcaldesa Melisa Macía e outros alcaldes e portavoces na comarca. Unha visita na que puido comprobar de primeira man como está sendo o proceso de recuperación.
“Logo de pisar o terreo e estar ao carón de todas as persoas que nese momento extraordinario precisaban unha resposta tamén extraordinaria, o presidente Rueda puxo á súa disposición un abano de axudas completas, rápidas e cuxa eficacia xa se está comprobando estes días”, apuntou salientando que, unha semana despois de que se abrira o prazo, a Xunta xa está a pagar cun anticipo do 100% as primeiras dúas axudas para reconstruír casas.
Unhas axudas que, tal e como recordou, están “exentas de tributación” e para cuxa solicitude e posterior tramitación se optou pola simplificación burocrática e pola posta a disposición dos interesados de 16 oficinas de atención cidadá (11 delas nos concellos ourensáns de Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e Vilamartín de Valdeorras).

“Nós seguiremos movéndonos só polo obxectivo ilusionante de recuperar estas zonas e prepararnos para todo o que teña que vir no futuro”, concluíu facendo fincapé na necesidade de profundar en todas aquelas medidas necesarias para previr os lumes e de condenar a acción dos incendiarios.
Pola súa banda, Melisa Macía quixo agradecer ao PPdeG e nomeadamente ao seu presidente, Alfonso Rueda, o apoio trasladado aos veciños do seu concello durante as últimas semanas: “Mentres outros nin sequera pisan o terreo, el soubo que tiña que estar ao carón dos alcaldes e dos veciños para saber as súas necesidades”.
Nesta liña valorou positivamente o anuncio de que a Xunta asumirá a limpeza das faixas secundarias en concellos de menos de 10.000 habitantes.